O Xacobeo e os Next Generation non chegan ao sector cultural galego

Un terzo das empresas culturais cren que a principal debilidade do sector é "o escaso apoio institucional".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2023 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

Un terzo das empresas e entidades culturais galegas cren que a "debilidade principal" do sector é "o escaso apoio institucional e a falta dunha política cultural adecuada", seguido "das dificultades relacionadas coa subida de prezos" e a situación económica actual.

Así o trasladou este xoves o coordinador do Observatorio da Cultura Galega, Hakan Casares, que presentou no Consello da Cultura a última edición do 'Barómetro da cultura galega', correspondente a 2022.

Neste informe, os xestores culturais "suspenden" a actividade das diferentes administracións en canto ao apoio que reciben. Así, a do Estado é a que leva peor puntuación, un 3,42, seguida da Administración local, cun 4,41, e a Xunta, que recibe un 4,67. Por sectores, as entidades culturais públicas son as que outorgan unha puntuación máis xenerosa ás administracións, mentres que os máis críticos son os autónomos.

Con todo, o barómetro reflicte que o 43% das entidades consultadas no informe solicitou e obtivo algunha axuda pública o ano pasado, aínda que a cifra é inferior nun 4,9% á de 2021. A metade destas axudas foi por un importe de menos de 10.000 euros. No ámbito das organizacións públicas ou sen ánimo de lucro, obtéñenas dous terzos, pero a cifra baixa ao 36% das empresas e ao 27% no caso dos autónomos.

En canto aos fondos Next Generation, o 12% dos enquisados chegou a obter algunha axuda relacionada con eles e, aínda que teñen unha boa avaliación global, os indicadores apuntan a que "non foi todo o que se esperaba". As entidades que se adheriron a bonos culturais --o 9,3%-- fan "unha avaliación moi positiva".

O presidente da Xunta,Alfonso Rueda, na inauguración do congreso internacional 'Iacobus Mundi: cidades e territorios xacobeos do mundo'.. XUNTA
O presidente da Xunta,Alfonso Rueda, na inauguración do congreso internacional 'Iacobus Mundi: cidades e territorios xacobeos do mundo'.. XUNTA

XACOBEO

Este barómetro do Observatorio inclúe tamén mención á influencia no ámbito da cultura do segundo Ano Santo 2021-2022 que, apunta Hakan Casares, ten un reflexo contraditorio nos resultados. En concreto, o 76% dos preguntados consideran que o Xacobeo "non tivo ningunha incidencia na súa actividade concreta", mentres que a maioría considera que si tivo un impacto positivo no conxunto da cultura.

Na parte das críticas, un 9% considera que hai "certa masificación" con "turismo de mala calidade" e o 7,2% apunta que "non se deu prioridade á cultura galega" neste evento.

"UN BO ANO"

En termos globais, segundo o barómetro, o 2022 foi "un bo ano" para as industrias culturais galegas, aínda que os resultados finais quedaron por baixo das expectativas expresadas na anterior edición do estudo. Ademais, Hakan Casares apuntou que a visión é "máis positiva no propio que en xeral", isto é, que os enquisados consideran que a evolución da súa entidade foi mellor que a consideración que teñen da evolución da cultura en xeral ou do conxunto da economía ao longo de 2022.

En canto a 2023, hai "certo pesimismo con respecto á economía en xeral", pero "máis optimismo" en canto á evolución da cultura e das propias empresas, cun predominio da "estabilidade" ou o "aumento leve" de ingresos.

AUMENTO DE CUSTOS

Case a metade das entidades experimentaron un aumento dos custos laborais e a práctica totalidade (máis do 84%) unha subida dos prezos dos aprovisionamentos. O 50,9% logrou non repercutir estas alzas nos prezos ao consumidor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta