8.000 empresas contactadas para "buscar unha saída" á planta de Siemens Gamesa nas Somozas

A empresa do grupo Adecco conseguiu pechar a operación de venda con Nervión Naval Offshore.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2023 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

A directora de reindustrialización da empresa LHH, Lucía García, asegurou que esta sociedade, pertencente á división de The Adecco Group, "buscou e contactou con máis de 8.000 empresas" para buscar unha saída á planta que a multinacional Siemens Gamesa pechou en marzo de 2021 no polígono industrial das Somozas.

Esa planta estaba dedicada ata ese momento á fabricación de pas de aeroxerador e agora terá unha nova actividade tras a adquisición da mesma por Nervión Naval Offshore, do Grupo Amper, e que a dedicará á produción de pezas para estruturas fixas e flotantes para eólica mariña.

As instalacións do CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol acolleron este xoves un acto baixo o título 'Unha proposta de valor para o territorio: a reindustrialización', que contou coa participación da directora xeral de Relacións Laborais da Xunta, Elena Mancha, o alcalde das Somozas, Juan Alonso (PP), representantes de Siemens Gamesa, Nervión e axentes sociais.

A directora de reindustrialización de LHH detallou que o seu labor consistiu en "buscar aquelas empresas que estaban en plans de crecemento ou expansión". "Aquí estamos unha parte dos que nos viñemos reunindo durante todos estes meses para facer realidade ese proxecto de reindustrialización nas Somozas", afirmou.

Pola súa banda, a directora de relacións laborais de Siemens Gamesa, Nuria Fernández, estimou que "non deberían de pechar as empresas, non deberían cesar a súa actividade, pero se isto pasa, pois este tipo de acordos, dan unha segunda oportunidade ás instalacións e á empregabilidade da zona onde pasan".

SINDICATOS

O secretario xeral de Industria CC.OO. en Galicia, Víctor Ledo, afirmou que "esta é unha oportunidade que dá Nervión, coa reactivación destas instalacións e que poidan dar recolocación aos extraballadores de Siemens Gamesa, que obxectivamente son os que teñen ese dereito", ao estimar que "se conte con eles onde eles estaban a facer a súa actividade profesional", así como reclamar "políticas industriais que xeren esas posibilidades de cambio de modos produtivos e fagan posible que non volvan pechar empresas".

Desde UGT, o secretario xeral de UGT FICA en Galicia, Javier Carreiro, incidiu en que "é a primeira vez que se logra un acordo desta magnitude, e un acordo para poder usar a planta que era de Siemens Gamesa polo Grupo Nervión", abrindo así "un futuro industrial e un futuro que vai ser consolidable, un futuro que vai dar consolidación de poboación e oportunidades laborais".

Acto organizado por LHH no CIS de Ferrol
Acto organizado por LHH no CIS de Ferrol | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta