Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/04/2023 | Actualizada ás 19:20
O Goberno galego anunciou, este xoves 20, na súa reunión semanal, o aumento dun 21% da contía por menú que reciben as empresas adxudicatarias dos comedores escolares xestionados de maneira indirecta pola Administración autonómica.
Esta nova medida recolle a contratación dun total de 144 comedores para os dous próximos cursos por un importe total de 25,6 millóns de euros, o que supón 7,2 millóns máis que o prego anterior. Desta maneira, o Goberno galego sinalou que o prezo do menú destes comedores pasará dos 4,82€ de media actuais aos 5,83€ a partir do próximo curso para así umentar o número de escolares usuarios de comedores xestionados pola Xunta.
Espérase que este aumento supoña 1.418 novos usuarios. Nesta liña, a Xunta lembrou que xestiona oito de cada dez prazas de comedor da Comunidade, pero que son as restantes nas que suporá cambios o novo prego.
CONTROL NUTRICIONAL
Así mesmo, otra das novidades será unha serie de requisitos para garantir a mellor calidade dos menús, xa que, por primeira vez, "será obrigatorio que sexan supervisados por un especialista en nutrición con formación acreditada e específica neste campo". Así, deberáse presentar, de maneira trimestral, un menú cunha composición, variedade, equilibrio enerxético e nutricional avalada polas autoridades sanitarias
Ademais, as empresas que concorran a esta licitación deberán presentar unha lista pormenorizada de provedores dos alimentos coa localidade onde están instalados os provedores. Así, a máxima puntuación outorgarase a empresas que ofrezan máis dun 50% de provedores situados preto dos centros escolares onde dan o servizo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.