O persoal do servizo de limpeza e recollida de lixo de Narón irá a folga para reclamar subidas salariais

Os operarios de Urbaser piden un incremento do 13%

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2023 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

A asemblea de traballadores da empresa Urbaser, concesionaria do servizo de limpeza viaria e de recollida de residuos sólidos urbanos no Concello de Narón (A Coruña), aprobou secundar unha folga indefinida desde as 5,00 horas do próximo martes, 25 de abril.

O paso chega "ante a falta de avances na negociación dun novo convenio colectivo", nun marco no que as principais diferenzas entre patronal e traballadores radica "na subida salarial que reclamamos", tal e como asegurou o secretario de CIG-Servizos na comarca de Ferrol, Francisco Cartelle.

Nunha rolda de prensa na sede do sindicato, acompañado dos delegados Jorge López, Manuel Martín e Alberto Caramés, Cartelle incidiu en que "o convenio colectivo finalizou a súa vixencia o 31 de decembro do ano 2019".

"Vimos negociando en distintas fases, cunha pandemia polo medio, retomámolo no ano 2022 e chegamos agora a un punto no que colapsou a negociación, debido á posición intransixente da patronal", subliñou, acusando a esta "de querer conxelar os salarios dos traballadores durante os anos 2020, 2021, 2022 e ata agosto deste ano 2023, cando se aplicaría un incremento de 2,5% e un 2% no ano 2024".

Segundo advertiu, esta proposta faise "sen ningún tipo de cláusula de revisión salarial, o que supón na práctica que os traballadores perderían un 13% do poder adquisitivo dos seus salarios", debido á subida do IPC durante isto anos.

PROPOSTA INASUMIBLE

O representante sindical incidiu que "esta proposta da empresa é totalmente inasumible por parte do persoal e, por iso, a asemblea rexeitouna e convocou a folga", asegurando, ademais, que "a escusa que pon, de non incrementar salarios, xa que durante os dous primeiros anos do contrato non tiñan revisión do contrato, non é válida".

Cartelle tamén estimou "que tampouco hai ningunha mellora que expoña esa empresa a nivel social que puidese paliar un pouco esa falta de incremento económico". "E estamos a falar de que a empresa propón unicamente un día máis de vacacións como mellora, o resto das cuestións son xa dereitos que están adquiridos", remarcou.

"Tamén tivemos reunións co Concello de Narón, xa que é un servizo público, e veremos agora a súa actitude e vontade cando decreten os servizos mínimos, que agardemos respecten o dereito de folga e que non prioricen unicamente aos veciños", agregou.

Por último, o responsable da CIG detallou que Urbaser citoulles para o luns, día 24, ás 17,00 horas. "E isto para nós mostra pouco interese por negociar, horas antes de que se inicie unha folga indefinida que afectaría a uns 50 operarios, o actual persoal de Urbaser en Narón", concluíu.

Integrantes do Comité de Empresa de Urbaser.
Integrantes do Comité de Empresa de Urbaser. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta