Por Galicia Confidencial | Courel | 21/04/2023 | Actualizada ás 10:41
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pechou a porta ao proxecto do parque eólico de Oribio (Iribio) nos concellos de Samos e Triacastela. Nunha nova sentenza confirma a nulidade da súa autorización, uns meses despois de que o fixese o Tribunal Supremo. A autorización do parque foi outorgada pola Xunta de Galicia no ano 2019, dando por boa unha declaración de impacto ambiental (DIA) obsoleta, concedida catorce anos antes, en 2005, para un proxecto tramitado baixo a mesma denominación nos mesmos terreos pero substancialmente distinto.
As obras chegaron a comezar en 2019, provocando importantes danos en terreos de alto valor ecolóxico e cultural, con presenza de oso pardo, e foron paralizadas preventivamente a instancias da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), e a Fundación Ouso Pardo (FOP), que agora esixiremos a restauración completa.
A través do Auto de 23 de marzo de 2023, o TSXG resolveu inadmitir o último recurso formulado pola promotora FERGO Galicia Vento SL, resolvendo unha vía xudicial iniciada hai máis de tres anos polo tres colectivos conservacionistas e ecoloxistas. Tras a inicial sentenza do 11 de decembro de 2020 que daba a razón a Adega e declaraba a nulidade da autorización do parque eólico ao considerar entre outros, caducada a DIA, a mercantil promotora do proxecto expuña dous recursos de casación, o primeiro ante o Tribunal Supremo, que xa foi inadmitido o pasado mes de setembro e o segundo agora ante o propio TSX de Galicia, que o inadmite igualmente.
As principais afeccións foron causadas en 2019 pola apertura de pistas e o movemento de terras para a instalación de aeroxeradores, dado que a empresa iniciou precipitadamente as obras sen contar cos permisos necesarios e incumprindo as condicións que a autorización agora anulada establecía. "Debe lembrarse que a paralización das obras foi posible ao ser confirmada polo propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao concederse aos colectivos conservacionistas recorrentes a medida cautelar de suspensión da executividade da autorización do parque, xa que tanto a empresa como a Xunta de Galicia opuxéronse a esta paralización", lembran desde Adega.
OSO PARDO
A Serra do Oribio ou Iribio sitúase entre os municipios de Triacastela e Samos na provincia de Lugo, constituíndo a estribación máis setentrional do espazo natural do Courel. Está catalogada como Zona Especial de Conservación (ZEC Ancares-Courel) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN), dentro da Rede Natura 2000 de Galicia, e agora tamén Reserva da Biosfera, e ten unha riqueza natural moi destacable, ademais de importantes valores etnográficos e culturais.
É unha zona de presenza recente de oso pardo, dentro do proceso de expansión natural da especie cara ao occidente da súa área de distribución. De feito, entre 2017 e 2020 nesta zona desenvolveuse o proxecto Life Oso Courel co obxectivo de favorecer o asentamento permanente do oso pardo na Serra do Courel, e a convivencia entre os osos e as actividades humanas. "A Fundación Oso Pardo, ADEGA e a Sociedade Galega de Ornitoloxía, que estiveron defendidas polo despacho de avogados EcoUrban, celebramos o final deste procedemento xudicial", conclúe nun comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.