Unións Agrarias critica a "marcha atrás" da Xunta no seu veto ás axudas públicas para industrias sancionadas

O cambio denunciado por Unións Agrarias fai referencia á convocatoria de axudas a investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2023 | Actualizada ás 20:01

Comparte esta noticia

Unións Agrarias cargou contra a Xunta por dar "marcha atrás" no seu veto ao acceso a axudas públicas para as industrias que incorran en incumprimentos graves da Lei de Cadea Alimentaria. Nun comunicado, UU.AA. cualifica de "intolerable" o cambio introducido pola Consellería do Medio Rural que "contradí" o anunciado "fai só tres meses".

"Incumprir a Lei de Cadea Alimentaria seguirá sen ter apenas consecuencias para as industrias. E é así porque a Xunta de Galicia recula sobre unha directriz indispensable para a blindaxe dos dereitos do sector produtor", aseverou a organización agraria que encabeza Roberto García.

O cambio denunciado por Unións Agrarias fai referencia á convocatoria de axudas a investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, que introducía a novidade de excluír das subvencións ás entidades que incorresen en sancións firmes "graves ou moi graves". Así pois, censurou que o departameto que dirixe José González "se desdiga" e "deixe na estacada" aos gandeiros por considerar o veto "unha penalización excesiva carente da requirida proporcionalidade para a infracción cometida".

Neste sentido, lamentou que á hora da verdade opte "por mirar a outro lado ante os abusos e incumprimentos das industrias" e por "seguir premiando con diñeiro público a quen ignora os seus deberes e a legalidade vixente". Unións Agrarias lembra que este tipo de medidas xa existen, por exemplo, con débedas coa Seguridade Social. "Ninguén se escandaliza porque isto sexa así nin se cuestiona a proporcionalidade dunha medida que probablemente terá importantes consecuencias para as pequenas empresas", engadiu.

"CONSECUENCIAS DESPROPORCIONADAS"

Nunha resposta facilitada a Europa Press, a Xunta esgrime que a decisión de retirar este condicionante da convocatoria debeuse a que a aplicación deste requisito podería causar "consecuencias desproporcionadas para as empresas". Medio Rural ha afrimado que a "amplitude da tipoloxía das sancións graves recollidas" na lei "podería dar lugar a que a perda establecida da posibilidade de obter subvencións ou o reintegro das mesmas constituíse unha penalización excesiva, carente da requirida proporcionalidade para a infracción cometida".

Así, incide en que "por exemplo" unha empresa podería ser sancionada coa perda ou devolución de axudas pola "inexistencia dun só contrato alimentario nunha empresa, dos centos que pode ter habitualmente, ou o incumprimento dun só prazo de pago a provedores". Deste xeito, a Xunta avanza a posibilidade de que este mecanismo poida ser incluído na orde "a partir do ano que vén".

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, en rolda de prensa. UNIÓNS AGRARIAS
O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, en rolda de prensa. UNIÓNS AGRARIAS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta