A Xunta asegura que está "case perfilado" o borrador para a nova lei de inclusión social tres anos despois do seu anuncio

O BNG denuncia o "atraso" e pide explicacións sobre planificación asistencial de Oncoloxía no CHUS

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2023 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia asegurou este xoves na Comisiónª5 de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento Galego que está "case perfilado" o borrador interno para a nova lei de inclusión social, anunciada tras as eleccións autonómicas do ano 2020.

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, respondeu así á pregunta da deputada do BNG Olalla Rodil, que denunciou o "atraso" de tres anos desta lei, o que "provocou que un gran número de persoas perceptoras da Risga e o Ingreso Mínimo Vital (IMV), fosen tratadas pola administración como defraudadoras".

Rodil pediu "celeridade" ao Executivo galego ante a situación de risco de pobreza e exclusión social na que se atopan "o 18% dos galegos". Así, puxo en dúbida o anuncio feito por Parrado, xa que "en sesión plenaria do ano 2022 o PP fixo un idéntico".

Na súa réplica á deputada do BNG, Parrado afirmou que ese borrador, que está "case terminada", "inclúe suxestións de persoas particulares e organismos" e permite "ter un primeiro documento de traballo".

Desta maneira, indicou que entre os obxectivos do Goberno galego con esta lei está a redución drástica da burocracia, "de ata o 50% do proceso de tramitación", así como "favorecer a inclusión social das persoas beneficiarias das rendas mínimas para que non se cronifiquen".

SERVIZO DE ONCOLOXÍA NO CHUS

Noutra orde de asuntos, a deputada do BNG Iria Carreira pediu explicacións ao Goberno galego sobre o cadro de persoal e a planificación da actividade asistencial do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Así, insistiu en que se queixan "das condicións, pero non do traballo dos profesionais sanitarios".

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, insistiu en que os pacientes oncolóxicos son "prioridade do Sergas" e que os cadros de persoas "están dimensionados tendo en canta a demanda", aínda que "puiden haber picos".

Deste xeito, Aboal indicou que Santiago consta neste trimestre dun facultativo por algo máis de cada 23.000 habitantes. Tamén sinalou que "se está incrementando o número de probas, equipos ao 100% en horario ordinario e extraordinario". Pola súa banda, Carreira remarcou que "se fan falta horas extras é que o servizo non está ben dimensionado" e que o Partido Popular "pode maquillalo como queira".

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, no Parlamento.
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, no Parlamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta