Por E.P. | VIGO | 03/05/2023 | Actualizada ás 16:53
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, defendeu este mércores que a Xunta de Galicia "estivo sempre á altura das circunstancias" no que respecta á crise da empresa Maderas Iglesias (produtora de tarima flotante aficanda no Porriño e con 170 traballadores) pero, "lamentablemente" a situación financeira da compañía non lle permitiu cumprir cos seus acredores.
En declaracións aos medios, antes de participar na clausura da xornada de presentación da 7ª edición da Business Factory Auto en Vigo, Conde apuntou que deben verse "cales son os seguintes pasos", unha vez que o xulgado do Mercantil estimou integramente a demanda da banca e declarou incumprido o convenio de acredores.
O comité de empresa instou á administración galega a intervir para buscar unha solución, xa que a demanda estimada polo xulgado suporá "o máis que probable" peche da fábrica. "Avaliaremos con traballadores e empresa a situación, e veremos se hai algún tipo de alternativa onde a Xunta poida seguir colaborando no desenvolvemento deste proxecto, pero a situación financeira está a impedir o cumprimento do convenio, por tanto, temos que ver nestes momentos como se pode resolver", apuntou Conde.
Cuestionado acerca da posibilidade de que apareza un investidor, o conselleiro indicou que esa "pode ser unha opción" de continuidade, pero matizou que "hai que ver se hai capacidade de dotar de carga de traballo, e de viabilidade da empresa". "A Xunta vai colaborar con Maderas Iglesias para ver se hai unha posible solución, que sempre pasa por un socio industrial, por carga de traballo e porque desde o punto de vista financeiro a empresa poida ser viable", insistiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.