Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 08/05/2023 | Actualizada ás 20:35
O secretario xeral do Partido Popular en Ourense, Jorge Pumar, responsabilizou ao PSOE de que o rexedor ourensán, Gonzalo Pérez Jácome, "siga sendo alcalde desde xullo" cando os populares romperon o seu pacto de goberno que entregou ao de Democracia Ourensana o bastón de mando.
Nun comunicado emitido este luns, o número tres na lista que lidera Manuel Cabezas para as eleccións do próximo 28 de maio cargou contra o alcalde despois de publicarse novos audios no diario La Región nos que Jácome fala de diñeiro "en B".
"Este non é un partido político, parece unha empresa dirixida por unha persoa cun conxunto de accionistas cuxo único fin é sacar rédito dos recursos de Ourense", remarcou Pumar en alusión a DO, partido liderado polo alcalde que, segundo o popular, segue no cargo pola "división interna" dos socialistas ourensáns.
O PP sostén que cando Manuel Cabezas decidiu liderar de novo o Partido Popular, rompeu co goberno municipal de coalición co que participaba o PP con Democracia Ourensana "porque nunca entendeu nin compartiu ese pacto" subscrito por Jácome co presidente provincial, Manuel Baltar, para repartirse goberno local e o da deputación.
Sinalan que tras a ruptura dese goberno, os populares mostráronlle aos socialistas a súa disposición para apoiar unha moción de censura e facer alcalde a quen o PSOE designase. Critican que entón o secretario provincial do partido, Rafael Rodríguez Villarino, "non atendeu por discrepancias internas do seu grupo municipal".
Insisten así en que o Partido Socialista "non quixo asumir a alcaldía a través dunha moción de censura" e por iso táchanos de "responsables únicos" de que Gonzalo Pérez Jácome siga gobernando.
Nestes termos, Jorge Pumar lamenta "a vergoñosa situación que vive a cidade desde hai tempo", sendo "sempre noticia nacional por historias que provocan un dano enorme" e xeran "desafección" das persoas cara á política.
Tras os audios publicados polo diario La Región, o edil pregúntase se o actual alcalde non presenta a súa dimisión "que pasa coa vintena de asesores que na maioría dos casos conforman a súa lista electoral", cuestionando se van seguir apoiando a unha persoa "da que agora coñecemos o que fixo e está a facer".
Así pois, fai un chamamento a Ourense e todos os seus habitantes de face aos próximos comicios, apostilando "non podemos permitirnos o luxo de que continúe nin un minuto máis aí".
Pola súa banda, o candidato á alcaldía e responsable do PP na cidade, Manuel Cabezas, tamén manifestou a súa "tristeza" pola revelación dos audios que fan que "Ourense siga sendo noticia por cousas que non teñen que ver co progreso, o desenvolvemento e a esperanza".
Deste xeito, lembrou que durante os doce anos nos que xa foi mandatario local realizou "unha transformación" da cidade que lle gustaría repetir. Por iso, fixo fincapé en que a maioría absoluta "demostrou que puido cambiar a cidade" e pediu que o "cidadán reflexione sobre iso" e "elixa o mellor para Ourense"; "o respecto, a convivencia e a educación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.