Por E.P. | MADRID | 09/05/2023 | Actualizada ás 16:43
O Consello de Ministros aprobou destinar máis terreos do Ministerio de Defensa en desuso a potenciar o desenvolvemento urbanístico e a promoción de vivenda alcanzable, dando luz verde ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) a adquirir, a través da Entidade Pública de Solos (SEPES), ata 8,25 millóns de m2 de terreos públicos propiedade de Defensa para levantar, de forma estimada, ao redor de 20.000 vivendas accesibles a través de 50 actuacións. En Galicia as vivendas están en Ferrol, A Coruña e Pontevedra ata sumar 486.
En concreto, o Executivo central adquire terreos en Ferrol para levantar 325 vivendas en Sánchez Aguilera e o cuartelillo de Mariñeiría. Na Coruña compra unha parcela na Maestranza para construír 77 vivendas e outro once nun solar. Por último, en Pontevedra están proxectadas 73 en Campolongo e Mollavao grazas á firma dun convenio co goberno local.
Así, o Goberno encomendou a Mitma, ao Ministerio de Facenda e Función Pública e ao Ministerio de Defensa a tramitar os instrumentos xurídicos necesarios para levar a cabo a operación de compravenda dos terros entre o Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (Invied) e SEPES, para o seu posterior desenvolvemento para usos residenciais.
A iniciativa, enmarcada no Plan de Vivenda en Aluguer Alcanzable (PVAA), permitirá dispor de chan público en 36 municipios repartidos pola xeografía española para o desenvolvemento de vivenda de protección pública e así contribuír a garantir o dereito constitucional do goce dunha vivenda digna e adecuada e que esta dispoñibilidade sexa equilibrada en todo o territorio, tal e como informou o Ministerio en nota de prensa.
Tras a adquisición por parte de SEPES, a entidade preparará os terreos para que sexan urbanizables e facilitar a edificación residencial a través de fórmulas público-privadas que impliquen a cesión do chan. Ademais de Galicia, os terreos de Defensa incluídos nesta iniciativa repártense en municipios de Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Canarias, Cataluña, Castela-A Mancha, Castela e León, Ceuta, Estremadura, A Rioxa, Madrid, Murcia, Melilla e Valencia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.