Por Moncho Mariño | Santiago | 21/05/2023 | Actualizada ás 22:00
-A súa conferencia titúlase “Mito céltico e política na Europa atlántica”. Que influencia ten este mito céltico no denominado Arco Atlántico europeo?
O tema céltico é algo controvertible xa desde o século XIX entre arqueólogos, historiadores e politólogos. Sempre houbo moitas discusións sobre se existiu un pobo celta e se o celtismo fala dunha cuestión étnica ou cultural. Os celtófilos afirma que si hai un pobo celta presente en diversos territorios no Arco Atlántico, e da outra banda están quen din “os celtas non existiron, é un invento, algo falso”. A miña resposta é que estamos diante dun mito, unha cuestión nin falsa nin verdadeira necesariamente, é unha crenza. A súa veracidade ou falsidade está ligado a un conxunto de crenzas. O celtismo existe como unha construción social e política. Hai quen fala dos mitos como algo necesario, mais insisto, nin son verdadeiros nin falsos, son un feito social. Na miña intervención falarei do celtismo baseándome en tres puntos. O primeiro é historiográfico, de onde vén esa noción de celtismo. Hai debates sobre a presenza dos celtas na Antigüidade que non deixa de ser controvertible en materia de Historia ou Arqueoloxía e este extremo non me interesa tanto, porén, o celtismo político é un concepto nacido no século XIX en paralelo aos diferentes nacionalismos. A finais do XIX hai un renacemento das culturas rexionais, un redescubrimento das culturas tradicionais e a ideación do celtismo nace da conexión entre diversos movementos, primeiro culturais e despois político. Por iso digo que hai un proceso de invención do celta baseado en materias antigas, esa é a miña concepción. Xa digo que durante o século XIX había unha serie de teorías que primeiro foron culturais, houbo intercambios con autores da Bretaña ou Escocia, sobre este punto tamén hai quen os considera cuestionable estes intercambios. Alén diso, o meu interese radica no aspecto político.
-Os seguintes puntos da súa palestra parten desa visión cultural?
Ben, o segundo punto da miña intervención é: quen son os celtas? Como se poden distinguir do resto de pobos? Por que hai lendas celtas por toda Europa? Mais o meu interese está nese Arco Atlántico onde puidemos ver movementos políticos baseados no celtismo, por iso Irlanda, Escocia, Gales, Bretaña e Galicia centran o meu interese. Se nos fixamos, todos estes “países celtas” responden a unha dinámica centro-periferia, están lonxe do centro, das respectivas capitais como Londres, París ou Madrid. Hai outros elementos como son os estereotipos, por exemplo, o celta é unha persoa sinxela, leal, tradicional ou romántico, esta concepción é un pouco diferente en Galicia. Politicamente hai celtimos tradicionalistas e de esquerdas, en Gran Bretaña é de esquerdas, na Bretaña francesa antes era máis de dereitas, agora vai virando á esquerda. Existen, pois, diversas visións políticas do celtismo. O último punto que exporei é a cooperación política intermitente ou puntual entre os movementos célticos. Isto último é un paso moi difícil debido aos diferentes contextos. Lembremos que a finais do XIX e comezos do XX había congresos pan-célticos, sen a presenza de galegos pois encaixar o galeguismo nos movementos célticos era difícil pola cuestión lingüística. Actualmente, o celtismo está moito máis presente na cultura, sobre todo en deseño, música, márketing ou o comercio. Tamén existe o que chamo “celtismo banal”. En marzo deste ano fun á Bretaña para falar nunha reunión de Ministros das Nacións Celtas, Galicia tamén estaba representada e mesmo había representantes do PP, do Partido Nacionalista Escocés, dos liberais, dos conservadores, alí había un abano moi amplo de tendencias e todas a compartir este concepto do celtismo.
O celtismo existe como unha construción social e política
-Se nun comezo a cuestión lingüística era motivo de non contar con Galicia, como foi que entrou no círculo de nacións celtas?
Por que a finais do XIX o galeguismo adaptou o seu ideario ao celtismo e dunha maneira moi forte. Había puntos como a lenda de Breogán, que tamén existe en Irlanda, da viaxe por mar até Irlanda, esta lenda foi usada como conexión para denominar a Galicia país celta. Tamén hai afinidades culturais, como sinala o libro da miña tía, Elizabeth Keating, Afinidades culturais entre Galicia e Irlanda demostra as similitudes entre Galicia e Irlanda. Non é difícil construír unha noción sobre a afinidade entre os dous países en base á cultura, aos rudimentos, á cociña e ás lendas para miña tía que sinala “hai unha causalidade”. Si é certo que hai unha afinidade entre os dous territorios, unha proba está na música, un elemento importante de intercambio que creou a música celta, coas súas variantes. A política é menos importante, aínda que me sorprendeu o feito de que Galicia forme parte das Nacións Celtas. Ía haber unha reunión das mesmas mais foi suspendida debido ás folgas en Francia. Porén, as situacións políticas de cada unha son moi diferentes. Os eixos sobre os que traballan son as unións coas súas capitais estatais, Madrid, Londres ou París. O celtismo é un elemento de menor importancia.
-Cando falaba de periferia referíase tamén a que compartían unha situación económica parecida? Pobreza ou escaso desenvolvemento.
Si, si. Historicamente foron rexións agrarias. No caso escocés son as Highlands, o espazo gaélico e non as áreas industriais. Hai douscentos anos estas áreas eran periferias onde había problemas en canto propiedade das terras e ademais eran áreas atrasadas económicamente. Isto foi motivo de seren espazos posteriormente colonizados polo estado. Ese é un elemento común entre as nacións celtas, a cuestión da propiedade das terras. Despois da II Guerra Mundial hai un desenvolvemento industrial nos países que non se dá nestas áreas periféricas, mesmo dentro das políticas da Unión Europea.
O celtismo político é un concepto nacido no século XIX en paralelo aos diferentes nacionalismos
-O fenómeno migratorio tamén parece ser compartido entre estas nacións celtas.
O problema da migración é complicado de tratar. Entre Gales e Irlanda, por exemplo, déronse ao mesmo tempo fluxos de emigración e inmigración no século XIX. Houbo migración de irlandeses cara Gales e Escocia e de escoceses cara América. Isto levou a crear diásporas que logo foron importantes na construción dos nacionalismos, maiormente en Galicia e Irlanda. Esas diásporas, fortes, promoveron a pertenza á cultura celta. O caso é que na diáspora hai outros elementos que inflúen, como haber distancia co territorio de orixe e logo, claro, as cuestións do día a día mais existe esa teima en manter a presenza relevante da cultura.
-Deixando o mito á parte, existiron relacións entre o Norte da Península Ibérica e as Illas Británicas, por exemplo, en tempos históricos que poidan demostrar fisicamente conexións entre estes dous territorios?
Si, claro, sobre todo desde a Idade Media con moitos fluxos comerciais, culturais, relacións baseadas na pesca. Historicamente foi unha zona de intercambio de ideas e sobre esta base de intercambios foise expandindo o concepto do celtismo.
-Que peso ten o celtismo hoxe en día nas políticas das nacións europeas que forman o arco atlántico?
É difícil de describir porque como xa dixen, existe un interese sobre o céltico tanto en gobernos nacionalistas como non nacionalistas, mais non sei cal será ese peso. Durante os anos 90 traballouse sobre a idea da Europa das Rexións para realizar interconexións entre entidades non estatais. Dentro deste contexto o celtismo ás veces é mencionado, mais politicamente non hai moito en común entre os gobernos de Galicia, Escocia ou Gales, aínda así, hai intereses en común en canto a políticas de desenvolvemento en base á condición de periferias. Nese sentido, a UE non ten traballado moito, é unha mágoa mais é un feito, mais si existen algúns intercambios e achegamentos, non especificamente sobre cuestións relacionadas ao celtismo aínda que forma parte do movemento xeral das rexións.
-Sente que se están formando arcos semellantes ao Atlántico entre outras nacións en Europa, poñamos por caso os países eslavos, sobre todo aqueles que queren distanciarse da influencia rusa?
Si, existen outros pan-nacionalismos, como nos países nórdicos, por exemplo, aínda que son países independentes. Tamén falan de imaxinarios como da Europa Central, Mitteleuropa. Antes da guerra en Ucraína, estiven con exiliados belarrusos en Lituania. Neste país falan dun achegamento a Polonia e tamén hai quen fala de eliminar as diferenzas entre Rusia e Ucraína. Si, existen outros lugares que queren superar as fronteiras do estado-nación.
-Cre que o actual marco europeo sería capaz de permitir o desenvolvemento económico, social e político sen independizarse, de espazos como as nacións celtas?
Hai corenta anos fun responsable do concepto de “Europa das rexións”, mais levei unha desilusión. Desde hai vinte anos, sobre todo nos últimos dez anos, hai unha recentralización cara os estados. Non se crearon espazos políticos para as rexións, si existen os fondos estruturais mais iso é unha política pública, non é un espazo para as rexións. Creouse o Comité das Rexións e foi un fracaso case total pois non ten a relevancia que debera. Nos anos 2.000 houbo unha tentativa de establecer un lugar para as nacións sen estado, tamén foi outro fracaso. É dicir, en Europa hai unha dinámica rexional e nacional, mais non hai posibilidades para a expresión destes lugares. Ao final, a consecuencia vese nos separatismos, como o caso escocés ou catalán. É dicir, para ter presenza en Europa tes que ser un estado, non hai unha terceira vía, parece a conclusión.
Durante os anos 90 traballouse sobre a idea da Europa das Rexións para realizar interconexións entre entidades non estatais
-A dinámica económica interna da UE pode acabar soterrando movementos como o pan-céltico?
Si, até certo punto. A apertura das fronteiras facilita os intercambios e as fronteiras deixaron de ter o peso que tiñan antes. Tamén hai intercambios culturais moi importantes, como exemplo a música celta. Hai un tempo, na Bretaña, descubrín que hai simboloxía celta en todas partes, e realmente é moi difícil coñecer o verdadeiro significado de todas estas expresións culturais, mais é unha evidencia de que o celtismo é moi popular.
-Que pode aportar o celtismo actualmente á Unión Europea?
Hai unha grande afinidade entre celtismo e europeismo porque o marco europeo é máis favorable para este tipo de movementos que o marco estatal. Hai un espírito moi europeísta dentro de expresións como o movemento céltico. Porén, co Brexit vimos o problema da fronteira dentro de Irlanda con Reino Unido que divide en dúas partes a illa. Cos Acordos de Venres Santo, co Mercado Único Europeo, coas negociacións políticas en Irlanda do Norte eliminárase fisicamente a fronteira, ou as dúas fronteiras: Irlanda-Reino Unido e República de Irlanda-Irlanda do Norte. Co Bréxit volve a fronteira, a cuestión é se separará Irlanda do Reino Unido ou se separará as dúas partes de Irlanda. Isto non facilita cooperación, por exemplo, entre Irlanda e Escocia. Politicamente isto era importante, porque dentro do contexto do Bréxit rompe a cooperación Irlanda-Escocia. A propia Escocia votou a favor de permanecer na UE, os partidos galófonos de Gales estaban a favor de continuar na Unión. O Bréxit é irreversible en Inglaterra, a cousa é a ver que podemos facer en Escocia para manter as conexións con Irlanda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.