Museo do Pobo Galego en Santiago ou un novo "Museo Nacional de Galiza" en Pontevedra?

O BNG quere que Pontevedra teña o gran museo galego. "Para nós o Museo (de Pontevedra) é tan importante que nunca o convertemos nunha batalla política partidaria", di Lores.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 12/05/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O BNG quere que o Museo de Pontevedra se converta "no Museo Nacional de Galicia", un obxectivo que se marcaron o alcalde pontevedrés e aspirante á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores, e a portavoz nacional da formación frontista, Ana Pontón. Unha proxecto que, sen explicar polo miúdo, pode colisionar co obxectivo e misión que ten xa o Museo do Pobo Galego, en Santiago, e actualmente renovado, que segundo o seu padroado é o "gran museo nacional galego".

Foi nun acto electoral celebrado este venres en Pontevedra, onde líder dos nacionalistas galegos asegurou que o museo pontevedrés, xestionado por unha institución pública, por relevancia, instalacións, tamaño ou pezas en depósito, "non ten comparación" con ningún outro en Galicia. Unha afirmación que contradí o que din os impulsores do Museo do Pobo Galego, que é xestionado de forma altruísta por un padroado sen ánimo de lucro e do que forman parte destacados nacionalistas.

A institución museística pontevedresa cumprirá o centenario da súa fundación no ano 2027. E esa é a efeméride que será unha "gran oportunidade" para impulsar esta declaración como Museo Nacional de Galicia que Ana Pontón se compromete a levar a cabo se chega á presidencia da Xunta nas eleccións autonómicas previstas para o próximo ano.

Ana Pontón e Miguel Anxo Fernández Lores. BNG
Ana Pontón e Miguel Anxo Fernández Lores. BNG | Fonte: Europa Press

O "GUGGENHEIM"

Na súa intervención, Lores lembrou que cando chegou o BNG ao goberno de Pontevedra no ano 1999 estaba "en pleno apoxeo o efecto Guggenheim" con sectores que demandaban facer algo semellante nas súas localidades. "En Pontevedra resistimos esa presión. Non collemos ese camiño porque tiñamos claro que o Museo que necesitaba Pontevedra xa o tiñamos na cidade", aseverou.

"Para nós o Museo é tan importante que nunca o convertemos nunha batalla política partidaria", dixo o alcalde e candidato á reelección polo BNG, que defendeu que o goberno local colaborou de forma "leal" coa deputación "para todo o que precisou para o Museo".

Unha das claves para que hoxe en día se sitúe entre os principais museos de todo o Estado foi telo disgregado, segundo o alcalde. Agora, Lores asegura que coa incorporación de Santa Clara e a reforma dos seus edificios fundacionais vai dar un novo "salto adiante". Deste xeito, o BNG aposta por que Pontevedra se especialice no ámbito da cultura e a creatividade. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Moine

Se queremos artelhar umha Galiza com forte sentido de seu entre os galeg@s, Galiza tem que estar simbolizada por todo o País, e nom imitar ao Estado espanhol, que como di Calamidade Ayuso, Espanha é Madrid e Madrid é Espanha; o que implica que o resto do território do Estado é território administrado, é dizer, províncias. Espalhar por toda Galiza as suas instituiçons, significa construir País; o contrario é leva-lo à ruína.

1 Sentidiño

Non ten lóxica desputarlle ao MPG o seu carácter de museo etnolóxico de base popular, sostido polas persoas socias que pagan cotas individuais. O Museo de Pontevedra, coma os museos municipais (dos concellos) e provinciais (das deputacións) son organismos públicos financiados cos impostos de todas.