Conta atrás para coñecer os gañadores dos 'Premios Martín Códax da Música 2023'

A votación para os socios e socias de Músicas ao Vivo remata o 4 de xuño e a gala final de entrega dos premios será o 7 dese mesmo mes no Pazo da Cultura de Pontevedra. O acto estará inspirado no mundo do viño.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/05/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A relación de proxectos finalistas para a que será décima edición dos Premios Martín Códax da Música ofrece unha ampla panorámica da creatividade musical galega na actualidade. Na categoría de Blues, Funk e Soul foron seleccionados Udra, Ángeles Dorrío e Apart; na de Folk, Quico Comesaña + Grupo, Xurxo Fernandes e Abril, e na de Músicas do Mundo e Mestizaxe: Catuxa Salom, Ton Risco e Marcos Teira, e Madalena Gamalho. As tres propostas finalistas en Canción de autor/a son Santi Araújo, Su Garrido Pombo e Tomás Porteiro.

Festa de finalistas para anunciar as propostas seleccionadas. Foto: Prensa dos Premios Martín Códax da Música.
Festa de finalistas para anunciar as propostas seleccionadas. Foto: Prensa dos Premios Martín Códax da Música.

Sila Lúa, Møu e Boyanka Kostova recibiron o seu agasallo como finalistas da categoría de Músicas Urbanas e, no caso do Orquestras, Grupos e Música de Verbena, os afortunados foron os grupos Burgas Big Band, Orquestra La Oca Band e Grupo Limón.

No apartado de Metal e heavy os finalistas 2023 son Arrhythmia, Youcanthide e Lost Minnow; en Bandas de Música Popular, Banda de Música Cultural de Salceda, Banda de Música Municipal de Silleda e a Banda de Música “O Landro” de Viveiro. Na categoría de Música Tradicional, chegan á final Pandeireteiras Sen Fronteiros, Paraíso Canto e Ailá. En Música Infantil Pakolas, Pillaband, e Brais das Hortas foron os nomeados na tarde do mércores 10, e en Música Clásica e Contemporánea foi a quenda de Fabio Álvarez, Mario G. Cortizo e Papagena.

Na categoría de Electrónica os tres seleccionados son Carabela, Terrae e Mel; en Jazz e Músicas Improvisadas, recolleron agasallo na festa de finalistas, Lucia Martinez & The Fearless, David Regueiro Trio Ft. Alexandre Cavaliere e Valentín Caamaño. Por último, no apartado de Rock e punk están na final dos galardóns as bandas Moura, Eager Platypus e Wetsocks; en Pop e indie os tres proxectos seleccionados son Banda Aldaolado, Blanco Palamera e Momboi.

Na categoría de Artista Emerxente, creada o pasado ano, están seleccionados os proxectos de Fillas de Cassandra, Sergio de Miguel e Lontreira.

OUTROS PREMIOS

Para os Premios Organistrum optan na categoría de Salas: Sala Rebullón (Mos), Aturuxo (Bueu) e Sala Pub Gatos (Melide); na de Festivais, Festival Alternativo Millo Verde (Redondela), Canteira Fest (O Porriño) e Foliada da Fonsagrada.

Os proxectos de Difusión Musical que chegan á final son Cuac FM, O Recanto do Corcovado e Galiciantunes.

VOTACIÓNS E GALA DE ENTREGA DE PREMIOS

Socias e socios de Músicas ao Vivo son os/as encargados/as de votar ata o 4 de xuño para escoller aos gañadores desta X Edición dos 'Premios Martín Códax da Música' nas súas diferentes categorías. A entrega de premios será o vindeiro 7 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra.

A categoría de Artista Emerxente, está aberta tamén á votación do público xeral a través da web

A gala desta 10ª edición dos Martín Códax celebrarase o 7 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra e estará inspirada no mundo do viño. Ese día coñeceranse todas as propostas premiadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta