Piden 13 anos de cárcere para un funcionario de Facenda por cobrar créditos e devolucións da renda con perfil falso

O acusado creou unha identidade falsa coa que abriu dúas contas bancarias e tres liñas de teléfono

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2023 | Actualizada ás 11:23

Comparte esta noticia

Un funcionario enfróntase a case 13 anos de cárcere por supostamente cobrar créditos e devolucións da renda alleas empregando unha identidade falsa que se creou aproveitándose de que exercía como técnico informático de Facenda na delegación de Santiago de Compostela.

O xuízo contra este empregado público terá lugar o vindeiro mércores a partir das 09,30 horas na sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, que ten a súa sede nos xulgados de Santiago.

Fiscalía solicita un total de 12 anos e once meses de prisión pola comisión de tres delitos: un continuado de estafa en concurso medial cun de falsificación de documento mercantil e público tamén continuado, outro de branqueo de capitais e cinco delitos de acceso non autorizado ao sistema de información por parte de funcionario público.

Segundo o escrito de acusación do Ministerio Público, o acusado creou unha identidade falsa coa que abriu dúas contas bancarias e tres liñas de teléfono. Fiscalía sostén que se valeu das súas credenciais para acceder a varios expedientes tributarios que se tramitaban na delegación de Santiago da Axencia Tributaria.

Así, cobrou cinco devolucións de declaracións da renda doutras tantas empresas por un total de 11.900 euros e pediu un crédito de 31.000 euros. Todas estas contías foron abonadas na conta bancaria creada polo acusado.

Ademais, solicitou supostamente outros dous créditos a nome dun compañeiro por un montante de 35.000 euros que, outra vez, foron parar á conta bancaria a nome da identidade falsa xerada polo procesado.

Así as cousas, Fiscalía reclama que este funcionario sexa condenado, ademais da 12 anos e once meses de cárcere, a abonar 160.000 euros de multa e a ser inhabilitado para cargo público por un tempo de 29 anos.

Xulgados de Santiago de Compostela
Xulgados de Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta