O PP acusa ao BNG de "confrontar" coa lingua e rexeita aumentar a presenza do galego en educación

Tamén rexeita actualizar o Plan de Normalización Lingüística, que este exercicio cumpre 40 anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2023 | Actualizada ás 16:59

Comparte esta noticia

O PPdeG rexeitou este martes cos seus votos unha moción presentada polo BNG na que se reclamaba medidas consensuadas de impulso ao uso do galego, aumentar a súa presenza en educación e actualizar o Plan de Normalización Lingüística, que este exercicio cumpre 40 anos.

A iniciativa, defendida no Pleno pola deputada nacionalista Mercedes Queixas, contou co apoio do PSOE, que a emendou para reclamar que se reforce tamén a presenza deste idioma nas actividades extraescolares. Con todo, o PPdeG rexeitouna, defendendo os resultados da actuación da Xunta nesta materia e apuntando que en Galicia "non existe un problema lingüístico".

A moción presentada polos nacionalistas instaba á Xunta a deseñar "desde o consenso" un plan específico para "superar a debilidade recollida no Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 con respecto ao estancamento do uso habitual do galego" co obxectivo de "garantir que a cidadanía teña garantida a posibilidade de vivir en galego en todos os ámbitos".

Así mesmo, solicitaba a convocatoria no actual período de sesións dunha mesa de traballo con axentes sociais, educativos e sindicais para "acordar as bases dun novo modelo lingüístico educativo para avanzar na igualdade do galego no ensino" e pedía iniciar "un proceso de diálogo" para actualizar a Lei de Normalización Lingüística, en vigor desde hai 40 anos.

COLOCARSE "A FAVOR DO GALEGO"

Na súa intervención, Mercedes Queixas instou ao Parlamento colocarse "a favor do galego", sobre todo en relación ás novas xeracións, e mencionou aspectos do día a día nos que a súa presenza é menor, como o audiovisual ou o ámbito dos xoguetes.

Na mesma liña, a deputada socialista Noa Díaz pediu ao PP que "abandone esa posición de trincheiras" e únase a un "diálogo construtivo" en relación ao galego e a mellora da súa situación.

Xa centrada na iniciativa, que apoiaron, concordou na necesidade de actualizar con "novos obxectivos" a Lei de Normalización Lingüística, e traballar no ámbito educativo. "É necesario e urxente un pacto social e político para establecer un novo modelo lingüístico educativo", dixo Noa Díaz, que asegurou que distintas entidades alertan de que "a escola, en Galicia, está a actuar como axente desgalleguizador".

Pola súa banda, o deputado popular José Luís Ferro defendeu a actuación da Xunta na materia, os seus resultados, e o seu "modelo sen confrontación e loitas lingüísticas", unha actuación que, sostivo, "logrou o maior índice de coñecemento do galego da historia" de Galicia.

"O bilingüismo é unha realidade", expresou o representante do PPdeG, que considerou o de Galicia "un modelo de éxito" fronte a un intento de crear "unha comunidade monolingüe". "Non sabemos cal é o modelo que vostedes propoñen", preguntou José Luís Ferro ao BNG, cuestionando "se están a favor do respecto ao consenso lingüístico" ou "prefiren a confrontación", e se "apostan pola convivencia e o plurilingüismo" ou "pensan que se pode obrigar a falar unha lingua por decreto".

Votación no Parlamento de Galicia
Votación no Parlamento de Galicia | Fonte: Parlamento galego

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta