O gran dilema do PP en Ourense

Rueda insiste e non pactar con Jácome e evita pronunciarse sobre o futuro de Baltar. "A día de hoxe é un concelleiro máis en Esgos", di. Critica ao PSOE por non saber que postura mantén. "Agora o PSOE é un lío", di sobre as diferencias entre a dirección galega e provincial.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 01/06/2023 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

Ourense, sitio distinto. República independente social e políticamente. A cidade e a provincia son hoxe o centro da política galega, un campo de batalla onde PP e PSOE acaban de perder unha gran batalla e Jácome, o inimigo a batir, logrou unha épica vitoria. Pero, como en todos os conflitos, a guerra continúa e quen é hoxe é gañador, pode ser o perdedor no futuro.

O candidato do PP en Ourense, Manuel Cabezas, o presidente do PP de Galicia, Alfonso Rueda, e o líder do PP na provincia de Ourense, Manuel Baltar, nun acto con empresarios da cidade.. PP
O candidato do PP en Ourense, Manuel Cabezas, o presidente do PP de Galicia, Alfonso Rueda, e o líder do PP na provincia de Ourense, Manuel Baltar, nun acto con empresarios da cidade.. PP

E nesa complicada estratexia de ver como evoluciona esta guerra política está o líder do PP de Galicia, Alfonso Rueda. E este xoves deixou recados importantes, aínda que non contundentes. Insiste en que a cidade debe de ser gobernada polo seu candidato, Manuel Cabezas, pero non é tan rotundo á hora de falar do futuro presidente da deputación.

"Non me parece normal que se poña condicións para que non estea Baltar na Presidencia. El é un concelleiro máis, elexido en Esgos", dixo ao ser preguntado se non valora a necesidade de que o aínda presidente da Deputación de Ourense non sexa o candidato popular á institución, tal e como pide o PSdeG. "Non penso nesa hipótese", asegurou na rolda de prensa posterior ao Consello da xunta. "Calquera candidato do PP podería presidir calquera institución. Non falo de persoas en ningún caso e Baltar, a día de hoxe, é concelleiro de

Esgos" dixo.

Rueda defendeu que, a falta dunha acta para sumar os 13 deputados que supoñen a maioría absoluta na institución provincial, considera que un candidato do seu partido debería dirixir a Deputación de Ourense, pero, preguntado de forma expresa, evitou dar o seu aval a Manuel Baltar para que revalide como aspirante a ese cargo.

Neste sentido, responsabilizou ao BNG e ao PSdeG de que non haxa un acordo de gobernabilidade na cidade e na provincia. "Tamén escoitei contradicións entre o PSOE galego e provincial e por iso lle dicía a Pontón onte --polo mércores-- que se poña dacordo co outro partido para apoiar a Cabezas", dixo. "O PSOE é un lío e debería aclararse", engadiu.

PACTO JÁCOME

Sobre un pacto do PPdeG con Jácome, que xa foi rexeitado novamente este xoves por Cabezas, Rueda dixo que "non é unha hipótese que está sobre a mesa". "Non imos apoiar ningunha investidura de Jácome", volveu repetir tras insistir os xornalistas sobre un acordo.  

Neste sentido, volveu reclamar o apoio de socialistas e nacionalistas para desaloxar o aínda alcalde ourensán a pesar de que Cabezas foi o segundo candidato máis votado, o que bota por terra a teoría popular de que goberne a lista máis votada. Preguntado sobre isto, Rueda dixo que mantén esa máxima pero que non ten sentido que sexa o PP quen a defenda se non hai un pacto entre todos os partidos. 

MALABARES PARA EVITAR PACTOS CON JÁCOME

Os movementos para clarificar como se construirá o futuro goberno de Ourense, dado que as eleccións do pasado domingo deixaron unha situación aritmética complicada na cidade das Burgas co actual rexedor, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana), como o máis votado pero sen maioría absoluta, empezaron nos últimos días.

E se na pasada xornada era a Executiva provincial do PSOE a que se abría a negociar con Jácome para lograr un cambio na Deputación, que dirixe o popular Manuel Baltar, este xoves transcendeu que os candidatos locais do PP, Manuel Cabezas, e do PSOE, Paco Rodríguez, mantiveron unha conversación para explorar vías que abran unha alternativa ao líder de D.O. no Consistorio.

Foi Manuel Cabezas á primeira hora quen revelou que existira esa conversación, á vez que reiteraba que, conforme dixo en campaña, "nunca" pactará co ata agora rexedor e líder de Democracia Ourensana, e situaba a Paco Rodríguez en sintonía con buscar un goberno alternativo a un encabezado por Jácome, que ten 10 dos 27 concelleiros da corporación local.

Fontes da contorna de Rodríguez consultadas por Europa Press ratificaron que tamén o candidato socialista mantén o seu rexeitamento a pactar con Jácome --unha postura moi distinta á explicitada pola Executiva provincial, con Rafael Villarino como cara visible-- e confirmaron a existencia da conversación.

Estas fontes reducen a relevancia do seu contido, iso si a un primeiro contacto de cortesía entre candidatos e inciden en que o PSOE local de Ourense está á espera da folla de ruta para pactos e negociacións que marque a Executiva galega.

Segundo puido saber Europa Press, neste primeiro contacto, xenérico, non se falou de quen sería o aspirante á Alcaldía nun hipotético acordo. Si son conscientes tanto populares como socialistas de que o BNG xoga un papel crave, tendo en conta que hai dúas opcións para facerse co bastón de mando: un pacto para sumar maioría absoluta de edís, ou o máis votado.

O PP APELOU DIRECTAMENTE AO BNG

Cabezas enviou un comunicado no que apelaba directamente á formación que lidera Ana Pontón e cuxa candidatura encabezou Luís Seara na cidade, coa petición de que manifeste "se está disposta a pór fin á situación de emerxencia que vive Ourense ou vai permitir que siga gobernando Democracia Ourensá".

Tras falar con Rodríguez, o popular considera que a "confianza maioritaria" da cidadanía "avala esta postura". En concreto, argumenta que, aínda que Jácome foi o máis votado e obtivo 10 das 27 actas que compoñen a Corporación local, as outras tres formacións suman 17 concelleiros, sete delas pertencen á segunda lista máis votada, o PP, e por tanto a maioritaria do tres.

O líder do PP galego, Alfonso Rueda, xa retara a Pontón na pasada xornada, durante a sesión de control no Parlamento, a favorecer unha alternativa a Jácome. E este xoves, nunha intervención na que evitou ratificar a Baltar como candidato a presidir a Deputación, Rueda confirmou que era coñecedor dos movementos de Cabezas e que lle apoia en non pactar con Jácome.

BNG REPLICA QUE ALCALDES BALTARISTAS XA APUNTAN A PACTAR CON JÁCOME

Pola súa banda, o BNG respondeu a Cabezas que non lle ten que preguntar ao BNG senón a Rueda e ao líder estatal do partido, Alberto Núñez Feijóo, "que van facer no Concello e na Deputación". "Ten que ser o PP quen lle diga ao conxunto dos veciños de Ourense que é o que vai facer, xa que se un escoita o que onte manifestaba José Luís Baltar, por boca do alcalde de Cartelle nunha emisora de radio, parece claro que por manter a Deputación, o PP deixará á fronte da Alcaldía", sostén o BNG.

En concreto, aludía ás declaracións realizadas por Jaime Sousa, da órbita 'baltarista', na Cadea Cope, onde este defendeu que a Deputación "é imprescindible". "O pobo votou a unha personó, non lle deu medo. Que problema temos nós en pactar con esa persoa se o pobo púxoo aí?", traslada o rexedor, en relación á posibilidade de negociar con Jácome.

Así as cousas, o BNG advirte ao PP que "xa basta de cinismo e de pretender eludir responsabilidades". O seu portavoz, Luís Seara, mostrouse, ademais, contundente cun aviso: "A nós ninguén nos marca os tempos; somos unha organización seria e rigorosa e tomaremos as decisións que consideremos máis adecuadas cando o entendamos preciso e non cando o diga Cabezas ou o PP".

JÁCOME: CABEZAS E RODRÍGUEZ APELARON A QUE GOBERNASE O MÁIS VOTADO

Pola súa banda, no seu perfil de Twitter, Jácome lembrou con que tanto Cabezas como Paco Rodríguez "proclamaron durante a campaña que ten que gobernar a lista máis votada". "Pero unha vez que D.O. saíu como lista máis votada, Manuel Cabezas quere transferir os votos do PP ao PSOE, sen ruborizarse e sen críticas dos medios", gabia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Logo pasarán outros 4 anos lamentándose coma sempre... e perdendo forza en Allariz ! Jácome é un tipo "estupendo" e non o adefesio que nos pintaron todos durante estes catro anos... O pobo de Ourense deulle 10 Concelleiros logo de tódalas "barbaridades" e nin os Tribunais atoparon causa algunha... O BNG debera lembrar o seu silencio ante a condena firme no Caso Cuñada na Deputación de Pontevedra... ¿por que taparon a Carmela Silva e non falan con Jácome? Cicais por manter a falsa imaxe de "progresistas do carallo" ? Cicais...

1 Gamela

Parece evidente que Jácome será Alcalde de Ourense ! Agora falta saber por que o BNG non baixa á Política Real e pacta con Jácome o Concello e aproveita para quitar do medio a Baltar da Deputación falando cos restos do Psoe de Ourense ! Manchar as mans sería algo moi de agradecer. PP ~ PSOE queren o pelotazo das Torres do Miño, e só o BNG poderá impedir esta barbaridade urbanística, pero para eso deberán "manchar as mans" algo que á UPG séntalle sempre mal cicais porque levan 59 anos Pontificando no Deserto...