Mente Viaqua ao dicir que as augas de Betanzos son aptas para o consumo?

Xunta e Concello de Betanzos acordan un plan de limpeza e intensificar analíticas polo brote de gastroenterite e recomendan non beber auga da billa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2023 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

A Xunta e o Concello de Betanzos acordaron un plan de limpeza e intensificar as analíticas polo brote de gastroenterite rexistrado no municipio, segundo informa o Sergas. Unha decisión que chega logo de que Viaqua insistira en que a auga do concello era apta para o consumo segundo as súas proias analíticas. Con todo, a Xunta recomenda manter as restricións.

Traballadores de Viaqua
Traballadores de Viaqua | Fonte: viaqua.gal

A directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán; a alcaldesa de Betanzos, María Barral; e representantes da Xefatura Territorial de Sanidade da Coruña; de Augas de Galicia; e da concesionaria Viaqua, co apoio de expertos, reuníronse este venres en San Lázaro.

Con carácter inmediato e de forma preventiva, acordouse aplicar un plan de limpeza e desinfección de todas as instalacións que inclúa unha "limpeza exhaustiva", así como a hipercloración da auga. Tamén "intensificar os controis analíticos actuais, tanto na captación como na rede de distribución e establecer un plan analítico de seguimento".

No que se refire a as recomendacións sanitarias dirixidas a poboación xeral, mantéñense as restricións de uso xa establecidas, é dicir, non utilizar a auga nin para a inxesta (bebida ou preparación de alimentos), nin para o lavado de alimentos nin para a hixiene bucodental. Poderase empregar a auga para hixiene persoal (lavado de mans e duchas), así como para usos domésticos de limpeza.

En contornas nas que exista relación con persoas afectadas con gastroenterites, recoméndase, así mesmo, extremar e reforzar as medidas de hixiene persoal, especialmente o lavado de mans e a limpeza de superficies. As persoas con gastroenterites deberán absterse de manipular alimentos.

Por último, en función dos resultados analíticos que se obteñan ao longo destes días, avaliarase a posibilidade de adoptar medidas adicionais. A próxima semana realizarase unha nova reunión de seguimento para ver a evolución da situación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta