Álvarez Pousa: "O problema das redes sociais é saber se a información producida por elas é fiable"

Luis Álvarez Pousa (Viladerrei) analiza no seu libro 'Medios e políticos, baixo sospeita 1990-2023' (Laiovento) o comportamento, moitas veces simbiótico, entre institucións políticas e corporacións mediáticas e as consecuencias que pode ter ese comportamento para a sociedade. Estamos diante dunha viaxe a través da transformación do panorama mediático durante tres décadas en Galicia e no Estado. Realmente interesan os medios libres?

Por Moncho Mariño | Santiago | 10/06/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-No teu libro apuntas á “industria da informacíón” nun contexto como o actual onde conviven medios “tradicionais” e as novas plataformas online. Estase producindo un traspaso desde os medios “tradicionais” ás novas empresas?
A industria da información deberase entender desde o punto de vista de que a información está producida por empresas cun obxectivo, ter beneficios, como calquera outro tipo de empresa. As novas tecnoloxías trouxeron novas plataformas como Amazon, Google ou Facebook ou Twitter que entraron no campo da produción de información cos mesmos obxectivos de carácter económico. Así pois, tamén forman parte da industria da información.

Luis Álvarez Pousa
Luis Álvarez Pousa | Fonte: Museo Limia

-Nestas últimas eleccións locais estas plataformas ou polo menos as redes sociais (RRSS) con maior uso, como son Whatsapp, Facebook, etc., puideron influír na toma de decisión sobre quen botar, nomeadamente novas forzas como o caso de Vox?
Creo que as redes sociais cumpren hoxe en día un papel de democratización sobre o acceso ás informacións, en plural. O problema é saber se a información producida polas redes é fiable e por tanto, acaba tendo unha eficacia política se falamos sobre as eleccións, e sobre todo, que teñan unha eficacia sá. Nese sentido teño grandes dúbidas, mais é certo que as redes poden pulverizar informativamente un ámbito de decisión política como o que se crea nunha campaña electoral. Isto inflúe en sectores máis novos da poboación que ligan o seu ámbito de información a esas redes sociais. Se asumimos que esa é a maneira de como eles se informan e de como se moven, aí boto en falta unha maior regulación. Debemos asegurar á xente máis nova que se informa a través desas redes sociais, que se estean informando ben. Por outra parte, creo que nestas últimas eleccións aquilo con maior eficacia á hora de dilucidar os resultados que marcan un fracaso para as esquerdas e un éxito para as dereitas, foron os medios tradicionais. Estes últimos son os que, por teren unha liña editorial que conecta cos partidos situados na dereita extrema e mesmo na extrema dereita, PP e Vox, permitiron poder instalar na axenda da campaña electoral documentos non reais, é dicir, non sucesos senón mentiras mais que tiñan grande transcendencia no momento de seducir a millares e millares de electores. Por exemplo, a “suposta” presenza de ETA, como se aínda estivese activa, e todo canto supuxo ese feito, inapropiado desde o meu punto de vista, mais que non debía condicionar unhas eleccións de ámbito estatal cun tema como que Bildu presentase ex-etarras nas súas listas electorais. Iso influiu sobre a vontade de moitísimos electores no momento de depositar o voto nas urnas. Creo que ese éxito das dereitas estivo ligado a este fenómeno de desinformación e mentiras.

Debemos asegurar á xente máis nova que se informa a través desas redes sociais, que se estean informando ben

-Podería dicirse algo semellante ou igual co caso de Pérez Jácome en Ourense? Pensemos nas gravacións que La Región e La Voz de Galicia deron a coñecer.
Pérez Jácome non só salvou o partido senón que ademais incrementou a súa presenza até ser a forza máis votada. Aí poderiamos ter dúas cuestións, por unha banda o que representa Jácome como actor público e persoa dedicada á administración do público. Desde logo, esas gravacións demostran que Jácome non debería ter en absoluto a posibilidade de sentar nun concello ou nunha institución de carácter público. Paréceme indecente e o que sería o contraexemplo en democracia. Despois temos aquilo que lle permitiu salvarse politicamente e aumentar a súa representación no Concello de Ourense para ser a primeira forza política local. Aí considero que a culpa é de todos. Desde logo está o feito de ter ao PP sosténdoo na alcaldía, dándolle un concello pese a ser unha forza minoritaria a cambio, e aí aparece a gran perversión da política, de asegurarlle a Baltar e ao PP a Deputación de Ourense. Un elemento á parte foi o sucedido con esas gravacións que o xornal 'La Región' foi dando durante a campaña electoral. Coido que a maneira de tentar atacar a Jácome en período de campaña, esa maneira de demostrar que o obxectivo a bater por parte de quen está apoiando ao xornal 'La Región': que é o PP, que é a Deputación, que é Baltar e antes o Baltar pai; pois esa maneira de tentar derrubar a Jácome o que fixo foi levar votos cara Democracia Ourensana por parte de persoas que non o votaran e mesmo para desfacerse da saga dos Baltar. Isto acontece para castigar a quen buscaba esmagar a Jácome porque entendían que, aqueles que sabían das gravacións desde hai moito tempo, deixaron de denuncialas e levalas aos xulgados como era o seu deber. Pola contra, esperaron á campaña electoral pois entenderon que sería a maneira máis eficaz de tumbalo e conseguir o poder para o PP no Concello e na Deputación. Entendo que foi esa sobreexposición de tentar acabar con Jácome o que o transformou en vítima sen ter en conta a indecendia transmitida polas gravacións onde aparece a voz de Pérez Jácome.

As gravacións demostran que Jácome non debería ter en absoluto a posibilidade de sentar nun concello ou nunha institución de carácter público

-Hoxe está en boca da maioría o fenómeno da Intelixencia Artificial, mesmo hai científicos que traballaron neste campo avisando do perigo para a emisión de información que pode ter a IA. Ves a IA como un perigo e mesmo unha fonte de desinformación?
Digamos que a Intelixencia Artificial, o mesmo que cando falabamos no seu momento do fenómeno internet, vai ser boa ou mala dependendo de como se utiliza. Potencialmente, e relacionado co mundo da información, é un perigo a falta de regulación sobre ela en diferentes campos sobre os que se pode aplicar. No caso da información, paréceme moito máis grave que non estea regulada por lei, pois isto incentiva o que a IA está sendo xa, aquilo denominado postverdade. É dicir, a facilidade dos novos mecanismos tecnolóxicos, neste caso da IA, que poidan funcionar recreando mundos virtuais á marxe da mente humana. Se estamos xa nun xogo de postverdades no sentido de que todo aquilo facilitador da emoción é o máis consistente e por tanto, debemos esquecer poder vivir coa verdade e buscando a verdade das cousas, coa IA dentro dos medios de comunicación podemos estar multiplicando esa falsa realidade. Á parte, esa falsa realidade pode chegar a nós sen darnos de conta, sen sabermos que é ficción e que é real. Por tanto, estaremos nas mans das máquinas e estaremos malvivindo.

-Os gobernos, sobre todo nos países occidentais, teñen suficiente poder para frear tanto os conglomerados como oligopolios empresariais detrás de grandes medios?
Os gobernos teñen o poder que lles dá a sociedade aos poderes públicos para lexislaren en calquera sector onde estea en xogo a calidade da democracia e dos bens públicos. Mais eses poderes públicos durante moito tempo facilitaron que hoxe en día, dentro do mundo da comunicación, se formasen grandes conglomerados de empresariais con poderes ás veces maiores que o dos mesmos estados e iso é un perigo moi grande. Son grandes corporacións infiltradas por poderes económicos e de carácter financeiro que reduplican ese poder. Por exemplo, nos consellos de administración de moitos medios actuais en España están presentes como accionistas e con capacidade para impoñer unha liña editorial, representantes de bancos entre outros, por tanto, considero que os gobernos teñen por diante unha tarefa difícil. Mais chegou un momento en que é tan visible ese contrapoder externo á propia dinámica democrática é á propia vida política que é necesario paralo. Para iso, os gobernos deberan facer aquilo que a cidadanía lles damos a oportunidade de facer, regular ese campo.

 A Intelixencia Artificial, o mesmo que cando falabamos no seu momento do fenómeno internet, vai ser boa ou mala dependendo de como se utiliza

-E isto reprodúcese no caso español.
A primeira vez que se intentou afrontar en España esa problemática relacionada co gran poder que ían tomando os grupos de comunicación, foi na etapa de Rodríguez Zapatero, coa súa lei do ano 2006 sobre medios. Intentou facer posible unha convivencia máis equilibrada entre os medios privados e os públicos. A estes últimos quixo darlles unha grande liberdade e facendo que CRTVE quedase fóra do control directo do seu propio goberno. A cambio, Zapatero si facilitou que os medios privados puidesen quedar, e penso que foi un erro, coa publicidade só para eles. Esa foi unha gran sombra aproveitada polos medios privados para converterse nun duopolio, Atresmedia e Mediaset. Ambas corporacións controlan o 80% da publicidade que se produce no ámbito audiovisual español. Depois das eleccións de 2010, Rajoy deu orde de parar e os medios públicos volveron depender directamente do poder político. En 2018 quixeron darlle de novo a volta co goberno de coalición que aprobou unha lei permitindo mediante concurso público, que CRTVE quedase administrado por persoas elixidas en base aos seus méritos para administralos e gobernalos. Mais todo iso quedou paralizado pois os consellos de administración acabaron por politizalo todo como durante a época de Rajoy. Por tanto, ese contraforte que deberan representar os medios públicos en España en relación ao duopolio; que ademais é de liña moi conservadora, o mesmo que as grandes cabeceiras de prensa escrita; é inexistente.

-Se imos aos médios audiovisuais públicos en Galicia, temos o mesmo panorama?
Hai unha lei que Núñez Feijóo negociou en 2011 con Manuel “Pachi” Vázquez, secretario xeral do PSdeG naquela altura, que aprobaron cos seus votos os dous grupos. Desa lei só está desenvolvido aquilo relacionado coa razón xurídica da compañía que agora se chama “corporación”. Mais esa lei quedou “secuestrada” nun caixón do despacho de Feijóo até que se foi para Madrid. O actual goberno da Xunta presidido polo señor Rueda segue mantendo “secuestrada” esa lei e sen desenvolver. Desta  maneira, os medios audiovisuais públicos galegos están atados aos intereses do goberno da Xunta e do PP.

-Se se retirasen todas as subvencións que reciben os medios privados en Galicia, que podería acontecer?
Poderían desaparecer a maior parte das cabeceiras porque non serían capaces de subsistir sen esas axudas. Por tanto, nese sentido poderiamos pensar que se reduce a pluralidade e o pluralismo informativo. Digamos que eu son favorable á diversidade e que a pluralidade de cabeceiras puidese representar a pluralidade social dun país e por tanto, que calquera cidadán galego tivese unha cabeceira de referencia porque vai mellor coa súa maneira de pensar ou que se sente máis seguro lendo a mensaxe transmitida por ese medio. Porén, sucede que, agora mesmo, os medios galegos privados tal como existen nestes momentos son un conxunto de campás tocadas por unha única corda. Por tanto, hoxe en día esa posible pluralidade de medios non existe. Todas esas cabeceiras están medíndose e todas teñen unha mesma liña editorial ligada aos intereses de quen fai que subsistan, a Xunta de Galicia e o PP, que está detrás da Xunta. Que debera ocorrer para que non houbese ese condicionante corrupto? Digo corrupto porque me parece que hai unha compra-venda de información, e iso é unha manobra corrupta. Alén diso, un goberno responsable debera crear mecanismos obxectivos, transparentes e controlables polo Parlamento, para favorecer que exista esa pluralidade cuns medios que poidan funcionar de maneira independente para asegurar ese pluralismo. Iso non existe agora mesmo, nin siquera desde o punto de vista da publicidade institucional, basicamente a publicidade da que viven estes medios. Mais, por outra parte, a distribución desa publicidade está sen lexislar. Nin sequera durante o “bipartito” conseguiron aprobar unha lei de publicidade institucional porque lles interesaba exactamente igual que a Feijóo e Rueda, a falta de control parlamentario da maneira de repartir esa publicidade institucional, como unha maneira de premio e castigo, para o sostén de moitos medios. Hoxe en día, os medios que existimos en galego como 'Tempos Novos', recebe este último ano algo máis de 4.000 euros. É un refugallo dunha partida que a Xunta convoca publicamente para a normalización do uso do galego. Non obstante, a maioría dese diñeiro lévano maioritariamente os medios galegos que publican en castelán. En cambio, todo canto hai en galego tanto en papel como na rede, só levan refugallos. Así pois, o pluralismo habería que sostelo mais con axudas obxectivadas, transparencia e control parlamentario e dunha lei que se debera aprobar previamente sobre a distribución desas axudas e publicidades institucionais.

Agora mesmo, os medios galegos privados tal como existen nestes momentos son un conxunto de campás tocadas por unha única corda

-Diante dos oligopolios, do duopolio no caso español, a Internet segue sendo o único lugar de resposta contra estes conglomerados?
Hai outra resposta que é a capacidade política do Goberno central, exactamente igual que a da UE cando lle veu as orellas ao lobo coa guerra de Ucraína. Agora mesmo, a iniciativa da UE é a de lexislar para facer realmente operativa a liberdade de información en Europa, conseguintemente todos os estados membros, sobre todo os máis autoritarios como Polonia, teñan que someterse a ela. Aí é onde debe entrar a lexislación relacionada cos grandes oligopolios mediáticos, agora mesmo convertidos en oligopolios nacionais, no caso español un duopolío con 17 canles audiovisuais e o 80% da publicidade que circula en España. Iso debe regularse se se quere facer realidade o obxectivo da defensa do dereito da cidadanía á liberdade de información. Por outra parte, debería haber mecanismos que desvinculen os medios públicos dos gobernos e se profesionalicen, con capacidade económica e para iso buscar a maneira de seren competitivos coas grandes corporacións privadas. Creo que a iniciativa da UE para regular medios en Internet, que poden ser moi controlables e manipulables por poderes políticos que non miran ben á UE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Polo que respecta a que Bildu presentase ex-etarras nas súas listas electorais este fenómeno de desinformación e mentiras Non podemos concordar coa opinión de Pousa, desinformación mostrar que nas listas de Bildu estaban 7 "asasinos" non é ningunha mentira e supoño que os cidadáns deben saber a quen votan e se logo queren seguir votando aos asasinos da democracia alá eles... Penso que esa información foi levantada pola asociación de vítimas, pois do contrario ningún medio de desinformación estaba disposto a facer pública esta INFORMACIÓN !

1 Gamela

a independencia máis que a "pluralidade" sería fudamental no dereito a unha información veraz, pero todos sabemos o complexo que sería lexislar para gobernos quroe non queren cumprir lei ningunha ! ¿Como se poden pasar os audios de Jácome á prensa sen pasar previamente pola Fiscalía? ¿Como se obteñen neste país eses audios de conversas supostamente privadas? Pero dende un punto de vista profesional (do xornalismo profesional) sigo pensando que o Modelo EuroNews é o mellor que temos, pero curiosamente dende o goberno Zapatero en España non temos acceso en ABERTO á canle de novas europeo por excelencia ? https://es.euronews.com/