Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2023 | Actualizada ás 20:12
Galicia viviu outra tarde de treboadas que deixaron fortes precipitacións na práctica totalidade do interior galego, onde se rexistraron máis de 2.300 raios. Un dos puntos máis afectados polas treboadas foi Santiago de Compostela. De feito, segundo confirmou Aena, un voo procedente de Madrid que tiña previsto aterrar no aeroporto de Lavacolla tivo que ser desviado a Vigo.
Os medidores de Metogalicia captaron ata as 20,00 horas deste sábado máis de 3.700 raios, dos cales, 2.300 caeron en territorio galego. O tramo horario con máis raios foi entre as 16,00 e as 18,00 horas, cando se rexistraron 1.577, fundamentalmente concentrados no interior da provincia da Coruña e, máis en concreto, na contorna da comarca de Santiago.
Na capital galega, os servizos de emerxencia tiveron que intervir en varios puntos da cidade para realizar achiques por acumulación de auga na vía pública. Un destes produciuse no barrio do Castiñeiriño, onde as choivas causaron unha importante balsa nas inmediacións dunha gasolineira.
En canto ás precipitacións, que mantiveron á montaña de Lugo en aviso laranxa por previsións de acumulación de máis de 30 milímetros por hora, deixaron 33,7 litros por metro cadrado en Baleira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.