Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2023 | Actualizada ás 21:50
A asemblea de Compostela Aberta reuniuse este martes co obxectivo de situarse sobre o diálogo aberto tras a chamada do BNG liderado por Goretti Sanmartín para conformar un goberno na capital galega e animan ao PSdeG a facer o mesmo.
No caso do espazo municipalista, deuse luz verde á súa coordinadora, formada por catro integrantes --incluída a súa portavoz e candidata, María Rozas--, a iniciar conversacións para negociar un goberno, sen predeterminar un acordo final que, en todo caso, debería ser de novo referendado por este órgano máximo de decisión.
Concretamente, nestas negociacións sentáronse e seguirán así, tal e como mandou a asemblea, os dous edís que obtiveron acta, María Rozas e Xan Duro, e os seguintes na lista, Concha Fernández e Miguel Penas. No caso do BNG segue encabenzando as negociacións Goretti Sanmartín, xunto a Míriam Louzao, Xesús Domínguez e Pilar Lueiro.
Precisamente, este mércores proseguen os contactos entre BNG e Compostela Aberta despois da primeira toma de contacto do pasado venres, tras a cal se confirmaron os votos dos dous concelleiros municipalistas para apoiar a investidura de Goretti Sanmartín como alcaldesa, unidos aos socialistas, que expresaron tamén o día anterior o seu apoio.
Na súa intervención na asemblea, María Rozas volveu recoñecer que os resultados das eleccións "nin son os satisfactorios nin son os esperados". "Pero somos tamén conscientes de cales foron as dinámicas en Galicia e no conxunto do Estado", destacou, segundo recolle Compostela Aberta. Rozas agradeceu ás bases a súa implicación e colaboración na campaña, porque "o resultado dá a oportunidade de ter unha base sobre a cal construír a Compostela Aberta do futuro".
EN XOGO, UN GOBERNO ESTABLE
Pero máis aló da investidura, está en xogo un goberno estable, posto que o BNG só ten seis concelleiros dunha corporación de 25, fronte aos 11 do PP, o seis do PSOE e os 2 de Compostela Aberta, o que lle deixaría no caso de non pechar un goberno cunha situación complicada para sacar adiante asuntos crave como os orzamentos.
Nestas negociacións, do mesmo xeito que no resto de Galicia, danse dous ritmos. Mentres que o BNG era partidario de imprimir máis resolución ao diálogo e chegar cun goberno listo o mesmo 17, o PSdeG arrefriou estas expectativas e só garantiu chegar á constitución da corporación local cos votos de investidura pechados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.