Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2023 | Actualizada ás 11:15
A CIG insiste en reclamar ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que retire o sistema XIDE (Xestión Integral da Demanda en Equipo), implantado para dar citas nos centros de saúde, porque "retarda" o traballo "xerando colas enormes diante dos mostradores".
Ademais, segundo denuncia o sindicato nun comunicado, foi unha ferramenta "imposta" pola Administración e que "non tivo en conta a opinión da maioría" do persoal administrativo, que é quen a emprega. O XIDE emprégase para fixar citas en centros de saúde en función da doenza que describa o paciente e empregando a intelixencia artificial con centos de motivos de consultas rexistrados. Para CIG-Saúde, supón "unha importante sobrecarga de traballo".
E é que, á parte de "retardar" o traballo, obriga aos administrativos a "preguntar e concretar o moptivo" da consulta requirida, "sen garantir a súa confidencialidade"; e "limita" a autonomía do persoal na xestión das citas. Ademais, a CIG-Saúde afirma que este persoal mostra "preocupación" pola "inseguridade xurídica" na que se atopan.
Por todo iso, o sindicato nacionalista reclama a retirada do XIDE e que o Sergas abra "un proceso de escoita ás e aos profesionais de Atención Primaria" que "contemple a visión do persoal" para acordar o mellor sistema.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.