Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2023 | Actualizada ás 12:47
O PP confirmou este luns a listaxe oficial das súas cabezas de lista ao Congreso nas eleccións xerais do 23 de xullo, nas cales o vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, figura como número 1 pola provincia de Lugo. Isto provocará o primeiro gran cambio no goberno de Rueda a un ano das eleccións galegas se estas non son adiantadas.
Ademais, o vicesecretario de Organización de 'Xénova', o ferrolán Miguel Tellado, encabezará a candidatura pola Coruña, mentres que a vicepresidenta da Cámara Baixa Ana Pastor volverá liderar a de Pontevedra, tras facelo nos últimos comicios por Madrid. A única que repite como 'un' ao Congreso será Ana Belén Vázquez, por Ourense.
A elección do vicepresidente Francisco Conde, tamén conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta, propiciará unha crise de goberno inmediata na Xunta, tendo en conta que a Lei do Réxime Electoral Xeral establece a súa inexilebilidade se se mantén no cargo. Polo tanto, Rueda terá que elixira ao seu subtituto canto antes.
RENOVACIÓN CASE COMPLETA
Os populares galegos verán renovados, así, tres do catro números 1 ao Congreso en relación ás últimas eleccións, aínda que no caso de Pastor é máis ben un 'regreso', dado que, salvo nos anteriores comicios xerais, cando Pablo Casado --entón aspirante do PP á Moncloa-- situouna como 'dúas' por Madrid, é unha habitual da candidatura pontevedresa.
En 2019, a Pastor, quen ten boa relación con Rueda, substituíraa a alcaldesa de Marín, María Ramallo, á fronte da candidatura. Co número 1 despexado, haberá que ver quen ocupa o segundo posto na candidatura á Cámara baixa. Salvo sorpresa, será para algún ou algunha dirixente de Vigo, despois de que a candidata local, Marta Fernández-Tapias, rexeitase liderar a lista para centrarse en facer oposición na súa cidade.
No caso da lista de Lugo, a alza de Francisco Conde ao primeiro posto de saída, deixa no aire o posto de Jaime de Olano; mentres que na Coruña, Tellado, un dos 'homes fortes' de Feijóo en Xénova, tamén despraza a Marta González, aínda que hai quen lle ve opcións de seguir na lista coruñesa ao Congreso. Na mesma espérase a presenza de Álvaro Pérez, outro membro destacado do equipo de Feijóo. En Ourense, o dos Peares decidiu manter a Ana Belén Vázquez como cabeza de lista, tras un mandato no que os populares valoraron a súa actividade intensa na área de Interior.
O vicesecretario de Organización do PP, o ferrolán Miguel Tellado, agradeceu ao líder do partido, Alberto Núñez Feijóo, e ao presidente en Galicia, Alfonso Rueda, a súa confianza ao designarlle cabeza de lista ao Congreso pola Coruña. "Será unha honra seguir servindo á miña provincia, a Galicia e a España e traballando para o próximo presidente do noso país", trasladou Tellado, no seu perfil de Twitter.
Tamén a exministra Ana Pastor transmitiu que non pode haber para ela "unha maior honra" que ser o número 1 por Pontevedra á Cámara baixa. Así, declárase "moi agradecida" aos seus superiores por confiar nela para "seguir traballando polos pontevedreses, por Galicia e por España".
RUEDA
O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, admitiu este luns que perde "unha peza fundamental" do seu Executivo, tras fichar para as súas listas Alberto Núñez Feijóo ao que ata agora era vicepresidente primeiro, e sinalou que a el lle gustaría que o dirixente monfortino tivese "un percorrido moito máis longo". "Eu perdo unha peza fundamental, pero tamén creo que se poden abrir moitas oportunidades", resolveu.
UNHA "EXCELENTE NOTICIA"
O portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, considerou unha "excelente noticia" que o aínda vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía vaia a encabezar a lista do Partido Popular ao Congreso por Lugo e rexeitou que a súa marcha a Madrid poida provocar un conflito no goberno autonómico.
Nunha rolda de prensa ofrecida este luns, Pedro Puy destacou que Francisco Conde ten un currículo "de servidor público" tanto no ámbito universitario como nos cargos públicos que lle sitúa como "unha persoa idónea" para encabezar a candidatura e achegar ao Grupo Parlamentario no Congreso, así como nas tarefas de goberno a nivel nacional se se considera oportuno.
A "IRRELEVANCIA POLÍTICA"
Despois de coñecerse a noticia da marcha de Conde do Executivo galego, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, manifestou que o presidente da Xunta e do PPdeG é "irrelevante" politicamente falando. "A irrelevancia política de Rueda é tal que ata lle cambian o Goberno desde Madrid", chiou Ana Pontón na súa conta oficial. "Se non é capaz de dirixir o seu partido nin é capaz de marcar os tempos no seu Executivo, menos é capaz de dirixir Galicia", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.