Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2023 | Actualizada ás 22:00
"Se non, non tiña ningunha necesidade de facer un cambio agora". Así resumiu o presidente galego o novo escenario que se lle abre tras a marcha do seu vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, a Madrid. E é que Galicia segue sendo un campo de experimentación para o ex presidente da Xunta e agora líder do PP. Foino cando hai pouco máis dun ano decidiu deixar a política galega pola madrileña e volve selo agora que decide, en plena voráxine electoralista, levar un conselleiro nas súas listas. E non é un conselleiro calquera. É un peso pesado no Executivo de Alfonso Rueda, como tamén o foi no de Alberto Núñez Feijóo.
A decisión de Feijóo de levar a "Paco" Conde a Madrid non colleu por sorpresa á cúpula do PPdeG, pero si que causa certo desacougo polo momento no que se produce, en medio dun proceso electoral e, ante a posibilidade de que, dependendo dos resultados do 23X tamén se poidan adiantar as eleccións en Galicia.
Esta situación obriga ao presidente galego á súa primeira remodelación do Goberno, cuxo calado aínda está por determinar. Unha remodelación imposta que non lle convén a Rueda nos momentos actuais. O líder dos populares galegos evitou en todo momento facer cambios no Goberno galego tras a marcha de Feijóo. Fiel o seu carácter de evitar crear problemas onde non os hai, deixou estar e non fixo ningún cambio na Xunta, nin tan sequera cando entrou a gobernar, que era cando procedían.
Polo tanto, a marcha de Conde a Madrid obriga a Rueda a facer máis cambios non previstos que poden ser maiores dado a envergadura da consellería e, sobre todo, do papel institucional de quen marcha, vicepresidente primeiro. "Primeiro terá que buscar un perfil que encaixe nese departamento e igual o que fai é mover a xente do propio goberno para ir fechando ocos", apuntan fontes consultadas.
BUSCANDO PERFILES
O que agora exerce como vicepresidente segunto, Diego Calvo, que entrou na Xunta como conselleiro da Presidencia tras a marcha de Feijóo pode gañar máis influencia no Goberno galego e situarse como vicepresidente primeiro, pero sen ocupar a consellería vacante. Para ese posto, Rueda pode tirar de xente que coñece ben o departamento para non complicarse ata que toquen as eleccións galegas, previstas inicialmente para dentro dun ano se non hai adianto, e situar nel ao secretario xeral técnico de Economía e Industria, Pablo Casal.
Precisamente, un dos inconvenientes que ten Rueda é buscar un relevo que, practicamente, pode non ter marxe de maniobra neste departamento xa que, algunhas fontes indican que, se Feijóo saca bos resultados nestes comicios, as eleccións galegas poderían ser adiantadas a outubro deste ano.
"Agora ábrese unha oportunidade. O que podo dicir é que 'Paco' marcha. E veremos, porque hai xente moi boa no Goberno e moitas oportunidades para que, se alguén o desexa, poida ter outras vías. Agora falarei con todos os membros do Goberno, non están pechadas as listas aínda", dicía este luns Rueda pouco despois de facerse pública a marcha do vicepresidente primeiro. Unhas declaracións que amosan que os cambios na Xunta poden ser máis fondos se Feijóo é, finalmente, elixido presidente do Goberno en España.
Rueda tería comentado con Feijóo esta posibilidade para evitar novas "crises" na Xunta se gaña os comicios, sobre todo, se quere levar a Madrid a outros conselleiros ou cargos intermedios en postos relevantes. E, se isto é así, entón os cambios na Xunta poden ser maiores con fichaxes que, nalgúns casos, poden ser repescadas candidatas populares nas pasadas eleccións municipais. "Pero o lóxico, e coñecendo a traxectoria do presidente, o lóxico é que os cambios sexan os mínimos imprescindibles a non ser por causas maiores", apuntan a fontes consultas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.