Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2023 | Actualizada ás 13:04
O Parlamento de Galicia fixo un chamamento a normalizar o uso das linguas de signos, así como a fomentar a súa protección e "equiparalas ao resto de linguas orais".
Nunha declaración institucional con motivo do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, a Cámara apelou a que as distintas administracións deben tomar conciencia de que "o progreso humano das persoas xordas, a súa plenitude e autorrealización, pasa por atender as súas necesidades e demandas respecto ao desenvolvemento efectivo dos seus dereitos lingüísticos, por situar as linguas de signos no eixo de calquera política pública e por normalizar o seu uso como unha lingua máis".
Así, remárcase que as persoas xordas "teñen dereito a gozar dunha vida plena" e a participar "como iguais" na actividade económica, social, política e cultural. "As persoas xordas teñen dereito a ter dereitos", subliña. Neste sentido, deféndense os dereitos lingüísticos das linguas de signos co fin de "acabar coas situacións de illamento e privación lingüística que, desde idades temperás, ameazan o exercicio da súa liberdade, a súa dignidade e a súa cidadanía".
"É necesario garantir o rigor lingüístico e a calidade das linguas de signos no acceso á información das persoas xordas e xordocegas. É necesario fomentar a protección das linguas de signos e equiparalas ao resto de linguas orais", asegura a declaración institucional.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.