O SLG pide a investigación da morte de catro xovencas pola caída dun raio xunto a polígono de aeroxeradores

O Sindicato Labrego Galego xa pediu ás consellerías de Medio Rural e Industria que aclaren o acontecido pois tamén podería ter afectado a vidas humanas.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 15/06/2023 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

O domingo 4 de xuño catro xovencas dun gandeiro apareceron mortas a carón do perímetro dun polígono industrial eólico da provincia da Coruña. Segundo o SLG, isto aconteceu logo de que durante unha treboada se producira un forte trono nesa zona arredor das catro da tarde, confirmando o rexistro de Meteogalicia o impacto dun raio nese punto.

Lóstregos e raios
Lóstregos e raios | Fonte: Arquivo - Europa Press

A Secretaria Xeral do SLG, Isabel Vilalba, encamiñou hoxe unha solicitude dirixida ás consellarías de Industria e Medio Rural urxíndoas a desenvolver as accións precisas para aclarar a orixe e circunstancias nas que tivo lugar este suceso, que podería ter afectado a tres gandeiros que traballaban na contorna. Ademais, instou á Xunta de Galicia a facer valer o principio de precaución activando a paralización cautelar de todos os polígonos industriais eólicos actualmente en construción até que sexa aclarado este incidente.

Tamén se solicitou iniciar á elaboración dun informe independente realizado polas universidades galegas ao respecto das situación actual do noso territorio no tocante ao abano de interaccións que teñen lugar entre os polígonos industriais eólicos e as condicións meteorolóxicas. Piden que os informes abonden nos efectos sobre a poboación, animais, patrimonio e recursos naturais.

O impacto de raios é a día de hoxe un dos accidentes máis habituais nos polígonos industriais eólicos, figurando entre os principais perigos a ter en conta polas empresas a nivel de riscos laborais e custos de mantemento destas instalacións. Hai máis dunha década foi clausurado un macropolígono eólico no Mar do Norte, preto de Helgoland (Alemaña), dado que as perdas económicas por mor destas descargas eléctricas non o facían rendible.

Por outra banda, canda a súa condición de ser considerados “un branco natural para o raio” -debido especialmente ao seu deseño e materiais empregados para a súa construcción-, no ano 2014 o grupo de investigación 'Raios, Electricidade Atmosférica e Alta Tensión', dirixido polo profesor Joan Montanyà, da Universitat Politècnica de Catalunya, demostrou que existe unha relación directa entre o movemento das turbinas dos aeroxeradores dos parques eólicos e a xeración de descargas que en determinadas condicións atmosféricas dan lugar a raios.

Esta equipa científica rexistrou varios lóstregos ascendentes iniciados por aeroxeneradores en rotación, detectando mesmo unha repetición periódica de emisións de descargas eléctricas que poden ir dende minutos até horas. Este comportamento periódico non se observou en torres estáticas, revelando que o efecto da rotación estaría a xogar un papel determinante na xeración destes raios, que ademais poden orixinarse a decenas de kilómetros de distancia dunha zona activa de treboadas.

Desta maneira, os aeroxeradores non só atraen as cargas elécticas dos lóstregos, senón que en determinadas circunstancias meteorolóxicas poden xerar estas propias descargas eléctricas. Cabe polo tanto inferir un incremento do número de episodios eléctricos nas áreas onde se instalan, o cal implica un substancial aumento dos riscos e perigosidade para as persoas e seres vivos en xeral, que habitan nestas contornas. Ademais, ao perigo das descargas eléctricas tamén estarían os lumes forestais.

Asemade, o SLG lembra que, ademais dos aeroxeradores, estes polígonos industriais están conformados por milleiros de kilómetros de liñas de alta e media tensión, tanto aéreas como soterradas. É por iso que reclaman coñecer o papel xogado polos campos electromagnéticos na morte dos animais rexistrada o pasado 4 de xuño, así como afondar no estado e características dos sistemas de pararraios e canalización das descargas eléctricas cos que poda contar esta instalación industrial.

O informe “O sector enerxético galego: presente e futuro”, recentemente publicado polo Consello Económico e Social (CES, 2023) alerta de que Galicia acumula actualmente a maior densidade de potencia eólica instalada a nivel estatal, é dicir, o maior número de aeorxeradores por kilómetro cadrado. Investigacións centradas no estudo de treboadas, como por exemplo a realizada sobre Filomena (2022), revelou que Galicia foi un dos territorios peninsulares onde caeron máis raios, detectando turbinas eólicas nas proximidades da maioría dos lóstregos rexistrados a nivel de todo o Estado.

Dedúcese que onde hai unha maior densidade de instalacións industriais que atraen e emiten raios, tamén se rexistra un número de raios destacadamente superior en comparación co resto do Estado. Partindo desta realidade, e habida conta de que en Galicia hai instalados xa arredor de 200 polígonos, “a actual intención da Xunta de Galicia de impor a construcción de 75 novos polígonos é, canto menos, neglixente” para o SLG.

O sindicato considera que a masificación deste tipo de estruturas conleva converter amplísimas extensións do territorio galego en zonas de alta perigosidade, “incompatibles co desenvolvemento de actividades cotiás por parte dun número cada vez maior de persoas que habitan perto dunha destas instalacións”.

Dende o Sindicato Labrego Galego consideran que sucesos como o acontecido o domingo 4 de xuño deben canto menos, “situarnos nunha posición de alerta e precaución, sendo imprescindible unha análise por parte da Administración que aclare, tanto as circunstancias nas que se produciu a morte dos animais o pasado 4 de xuño, como o grao de perigosidade que estas instalacións supoñen para a poboación galega no seu conxunto, e nomeadamente para a que habita no medio rural”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta