Nova vitoria xudicial dos Franco no Pazo de Meirás

Atrasan a retirada de bens do Pazo de Meirás ata que se resolvan os xuízos pendentes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2023 | Actualizada ás 16:24

Comparte esta noticia

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña aceptou a solicitude da familia Franco de suspensión da dilixencia da retirada de bens do Pazo de Meirás prevista para a próxima semana, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Fontes próximas á familia consultadas por Europa Press, explicaron que esta petición ten como obxectivo un "adiamento" ata que se resolvan os procedementos pendentes nos que o Estado lles reclama a propiedade doutros bens-mobles e documentos de Meirás.

O citado xulgado establecera que o vindeiro luns día 26 e xornadas posteriores os Franco poderían retirar os bens autorizados polo mesmo e aqueles en os que a propiedade non foi reclamada. Fíxoo en virtude do auto ditado no seu momento como resultado do procedemento xudicial tras a demanda que o Estado promoveu para reclamar o inmoble.

Foi unha demanda á que se adheriron tamén a Xunta, os concellos da Coruña e Sada -- onde se sitúa o pazo-- e a Deputación coruñesa. Tras obter o Estado o recoñecemento do Pazo de Meirás como un ben de titularidade pública -- unha decisión provisional á espera de que o Tribunal Supremo resolva o recurso presentado polos Franco--, a cuestión, no ámbito xudicial, centrouse na propiedade dos bens.

E é que a Audiencia Provincial da Coruña, dentro da fase de execución da resolución xudicial de 2020 que declarou que o inmoble é propiedade do Estado, confirmou que a gran maioría dos bens solicitados pola familia Franco que se sitúan no exterior e interior de Meirás forman parte ou pertencen ao inmoble e, por tanto, non poden ser retirados.

Con posterioridade, o Estado presentou nos xulgados de Madrid unha demanda contra a familia do ditador na que reclama a propiedade de 564 bens-mobles de Meirás ante a pretensión inicial dos Franco de retiralos. Trátase de bens de Patrimonio Nacional; do Patrimonio Documental Español e bens que son de dominio público pola súa afectación ao uso do pazo como residencia oficial do xefe do Estado.

"E que, ademais, forman parte do patrimonio histórico español polo seu interese histórico e tamén artístico, vinculado, por unha banda, á figura da escritora Emilia Pardo Bazán, e por outra, á actividade oficial desenvolvida durante a ditadura franquista", defende o Estado. En base a esta petición, e á espera de que avance o proceso xudicial en Madrid, o xulgado acordou que estes bens permanezan en depósito no pazo ata que se resolva o preito.

Un avogado do Estado, acompañado dun garda civil, colabora na realización do inventario do Pazo de Meirás
Un avogado do Estado, acompañado dun garda civil, colabora na realización do inventario do Pazo de Meirás | Fonte: M. Dylan - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta