O negro futuro da escribenta das canaveiras, un páxaro en "perigo crítico" de extinción en Galicia

Só hai entre 20 e 30 parellas en Galicia dez anos despois do seu Plan de Recuperación.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/06/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A escribenta das canaveiras é unha das especies máis ameazadas de Galicia. Unha situación que continúa a pesar dos dez anos da entrada en vigor do Decreto 75/2013, do 10 de maio, polo que se aprobaba o Plan de recuperación da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L.subsp. lusitanica Steinbacher) en Galicia. As poboacións son exiguas, existindo apenas 20-30 parellas reprodutoras actualmente e sendo merecedora incluso da categoría de “En Perigo Crítico”. 

Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L.subsp. lusitanica Steinbacher)
Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L.subsp. lusitanica Steinbacher) | Fonte: Adega

A escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus), tamén chamado escribidor das canaveiras, é unha pequena ave da orde Passeriformes de ampla distribución en Europa e Asia, onde é parcialmente migradora. Ten 19 subespecies, unha das cales, E. s. lusitanica, distribuíase orixinalmente pola costa atlántica ibérica, desde o País Vasco ata o sur de Portugal. Porén, ten desaparecido de moitos dos seus antigos encraves de cría, e mantense con poboacións exiguas apenas en zonas húmidas costeiras de Galicia e de Portugal ao sur ata Lisboa.

A organización ecoloxista Adega lembra que un dos obxectivos do Plan de recuperación é “aumentar o tamaño da poboación existente (…) nun horizonte temporal de 20 anos e se acade unha poboación reprodutora superior a 112 parellas”. Cando se elaborou o Catálogo galego de especies ameazadas (ano 2007) os efectivos reprodutores en Galicia desta ave habitante de canavais rondaban as 56 parellas. O Plan de recuperación chegou con demora (en 2013), e en 2015 contatouse que só existían 11-12 parellas reprodutoras. "Aínda considerando as 20-30 parellas estimadas en 2021, fican só 10 anos para lograr que a poboación se multiplique por seis e acadar esa desexable poboación reprodutora de máis de 112 parellas", critica Adega.

Para salvar esta xoia, endémica do litoral occidental ibérico, da situación tan delicada na que se atopa, a entidade ecoloxista di que "é imprescindible destinar con total transparencia" fondos suficientes ao Plan de Recuperación da especie aprobado pola Xunta, en especial ás medidas de prioridade “Alta”. Entre estas, é crítico o correcto manexo de hábitats palustres, fundamentais para a conservación desta subespecie.

"Ademais, é necesario destinar suficientes recursos humanos e materiais para lograr censos fiábeis e completos, e encetar accións coordinadas coas autoridades portuguesas procurando unha protección efectiva de toda a súa área de presenza. Se isto non se concreta, a escribenta das canaveiras esmorecerá das poucas zonas húmidas nas que aínda pervive, e de nada servirán os decretos e a propaganda realizada ata agora", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta