O modernismo soviético vive en Instagram: a loita dun mozo para protexer o patrimonio arquitectónico de Ucraína

Unha comunidade de case cen mil persoas na popular rede social desfruta dos edificios, grandes murais e impresionantes vidreiras que se erixiron por toda a xeografía ucraína nos tempos da URSS. A súa preservación non é fácil. Os ataques de Rusia son unha ameaza para estas construcións, pero o “estigma sobre o soviético” e a corrupción tamén xogan en contra da súa supervivencia. Nova crónica de guerra da correspondente Miriam González.

Por Miriam González | Kiiv | 20/06/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As autoridades da cidade de Rivne ordenaron destruír un mosaico modernista da época soviética. Durante máis de dúas horas un traballador armado co seu martelo eléctrico foi picando as pezas do mosaico ata que o cemento gris substituíu a obra artística. Era unha representación de dúas mulleres vestidas con traxes tradicionais das rexións de Galitzia e do Dniper. O fondo deste mosaico era azul e amarelo; os colores da bandeira ucraína. A xustificación política para derribalo foi que era una creación da época soviética para honrar a amizade con Belarús. Este suceso aconteceu hai dous meses e foi denunciado pola conta Ukranian Modernism no Instagram: “Os funcionarios están dispostos a derruír calquera cousa, incluso obras de arte completamente pro-ucraínas. Todo por ter maior aprobación”. 

Dmitro Soloviov, o creador de Ukranian Modernism, no interior da Biblioteca Nacional Vernadski de Kiív
Dmitro Soloviov, o creador de Ukranian Modernism, no interior da Biblioteca Nacional Vernadski de Kiív

Dmitro Soloviov está detrás da iniciativa Ukranian Modernism. Comezou coa súa cámara capturando todos os edificios, mosaicos e murais modernistas antes de que fosen derruídos. “Quería conservalos aínda que só fose nas fotos, despois decidín abrir unha conta en Instagram para que a xente puidese desfrutalos”, subliña este mozo da rexión de Zaporizhzhia. O que comezou coma una afección que mesturaba a arquitectura modernista e a fotografía transformouse, co paso dos anos, nun movemento para protexer este patrimonio. 

 

 

 

A Biblioteca Nacional Vernadski de Kiív a maior do país, un edificio modernista
A Biblioteca Nacional Vernadski de Kiív a maior do país, un edificio modernista

A día de hoxe é unha das contas sobre arquitectura máis seguidas do país. Desde esta plataforma, Dmitro denuncia todos os actos de vandalismo contra este legado.  “Comecei a realizar publicacións sobre os casos de sabotaxe con imaxes que mostraban a obra orixinal e o resultado trala destrución deliberada. Quería facerlle entender a xente que iso estaba mal” afirma o mozo. 

Outras das actividades que realiza son visitas turísticas. Antes da invasión a gran escala, estas estaban repletas de estranxeiros interesados na cultura e no patrimonio ucraíno. Pero agora son as novas xeracións do país as máis dispostas a loitar por conservalo. “Son mozos e mozas brillantes, con mente aberta. Eu móstrolles o meu coñecemento e compartimos ideas para poder preservar estas obras de arte que pertencen a toda a sociedade”. Con todo, esta tarefa de protección non é doada, confesa Dmitro. Aquelas persoas “con cultura” que defenden este patrimonio están entre a espada e a parede. Por unha banda Moscova bombardea as cidades e mata ucraínos, e pola outra activistas de extrema dereita queren destruír todo esta herdanza.

O "ESTIGMA SOVIÉTICO"

O modernismo foi un estilo arquitectónico dominante no século XX, pero a súa evolución na Unión Soviética foi diferente ao resto dos países. A influencia deste movemento freouse coa chegada de Stalin ao poder, e ata mediados dos anos 50 non volveu ser popular. O denominado modernismo soviético tiña características propias e reflectían os valores da URSS nese período. Nos estados que pertenceron ao Pacto de Varsovia podíase ver que esta corrente era unha síntese coa arte monumental -coma os mosaicos- e as vidrieiras emplomadas. Tiña unha estética minimalista, con formas xeométricas simples e empregábanse materiais coma o formigón armado. 

O estado financiaba todas estas obras, seguindo aquel motto de Lenin de que a “arte tiña que ser para o pobo”. Por este motivo, os edificios destinados a satisfacer as necesidades sociais -escolas, vivendas, institucións culturais ou deportivas- estaban decoradas con estas maxestosas obras.

Dmitro recoñece que non é sinxelo admirar a arquitectura modernista en xeral, pero en Ucraína é aínda máis complexo. Aquí hai un “estigma sobre o soviético”. A xente, di este mozo, asimila este estilo á Stalin e os seus crimes. A realidade, pola contra, e que o ditador odiaba todo o que tiña que ver co modernismo. A controversia sobre estes monumentos exacerbouse dende o inicio da guerra do Kremlin contra Ucraína: “relaciónanos directamente con Rusia”. O complicado agora e facerlle comprender a xente que se trata de arte ucraína, creada por artistas ucraínos. 

Noutras ocasións a corrupción e incompetencia é unha sentencia de morte para o modernismo. “Cando teñen que reparar algún edificio público, simplemente tapan os murais”, di o mozo. Unha das principais ameazas -ademais dos ataques de Rusia- son os “activistas de extrema dereita” apunta Dmitro. Estes colectivos colleron folgos despois da promulgación da “Lei de Descomunización” en 2015. Unha norma que prohibe a propaganda e os símbolos asociados co estado soviético e con outros réximes totalitarios. Con todo, esta lei non se aplicaba aos monumentos artísticos creados antes da súa promulgación. “Esta lexislación entendeuse como unha loita contra todo o que se creou na URSS, os propios activistas de dereitas que queren acabar con isto teñen mapas máis completos que os que loitamos por protexelos” aclara Dmitro.

A realidade e que moito deste patrimonio non está rexistrado e non hai un grande interese político sobre o seu destino. Máis de cinco anos de proxecto e un total de cero iniciativas do goberno para darlles unha consideración especial as obras modernistas, sinala con tristura o creador de Ukranian Modernism. “En Estonia teñen máis de 100 especialistas para protexer o patrimonio, en Ucraína hai menos de 10 en todo o país”.

A CULTURA: UN ASUNTO DE SEGURIDADE NACIONAL

Moitos preguntáranse por que é preciso prestar atención a edificios e murais en tempos de guerra, pero Ucraína é máis que unha fronte de combate. “A cultura é parte da nosa identidade ucraína, e deber ser considerada un asunto máis de seguridade nacional” resalta con firmeza Dmitro. A separación entre a propia invasión e arte é moi importante xa que de non facelo “estaríamos xogando coa propia narrativa de Putin”. O presidente ruso, afirma este mozo, dí que todo o patrimonio soviético é  ruso, “se concordamos con el, xa gañou”. 

O proxecto Ukranian Modernism non recibe ningún tipo de axuda pública. “Nunca me chamaron desde o Ministerio de Cultura nin da Unión Europea”, sinala o seu creador.  Pero nas últimas semanas houbo un acontecemente que lle deu moita esperanza. Na súa conta de Instagram ten unha ligazón para que todas as persoas que queiran poidan contribuír con medios económicos a este proxecto. Unha das doazóns foi dunha médica militar que estaba servindo cerca de Bakhmut: “Deume 2.000 grivnas (uns 50 euros) e escribiume `nos protexemos a liña da fronte e vos o patrimonio ucraíno”. 

Dmitro, como o resto dos mozos e mozas que viven baixo a invasión rusa a gran escala, mira cara o futuro con certa inquietude: “Os ucraínos imos precisar establecer un diálogo para entendernos. Creo que necesitaremos axuda de fora. Non sei como imos manexar esta situación”.

Hotel Salut, un dos emblemas do modernismo arquitectónico na capital Ucraína
Hotel Salut, un dos emblemas do modernismo arquitectónico na capital Ucraína
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta