Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2023 | Actualizada ás 13:47
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este mércores as candidaturas ás próximas eleccións xerais do 23 de xullo. No caso de Galicia, á espera da ratificación definitiva, baixa o número de listas ao Congreso e ao Senado con respecto aos comicios celebrados o 10 de novembro de 2019.
No caso dos aspirantes ao Congreso dos Deputados, o BOE publica un total de 42 candidaturas dunha ducia de opcións políticas --fronte ás 46 de 14 partidos de fai catro anos--. Mentres, como é habitual, ao Senado concorren menos listas --37 de dez opcións políticas, tamén por baixo das 44 das últimas xerais--.
Ademais da reconfiguración da esquerda rupturista baixo a marca Sumar Galicia --en 2019 a marca galega da órbita foi En Común-Unidas Podemos--, a principal diferenza con respecto a fai catro anos é a ausencia das candidaturas de Ciudadanos (Cs). Non en balde, o partido laranxa xa confirmara que non se presentaría ás eleccións.
En total, son nove as opcións políticas que presentan candidatura en todas as circunscricións galegas, tanto para o Congreso como para o Senado: PP, PSdeG, BNG, Sumar Galicia, Vox, Partido Comunista dos Traballadores de Galiza (PCTG), Vox, Pacma e Por un mundo + xusto.
A CORUÑA E OURENSE, O MAIOR NÚMERO DE LISTAS
Se se ratifican as candidaturas publicadas, dado que agora ábrese un período para emendar posibles erros e irregularidades, os electores da Coruña e Ourense serán os que teñan máis opcións tanto para optar por unha papeleta para o Congreso como á hora de elixir os seus representantes no Senado.
E é que a opción Soberanía Ciudadana só presenta lista ao Congreso pola circunscrición da Coruña, mentres Coalición de Centro Democrático concorre unicamente na provincia de Ourense --con dúas candidaturas tanto á Cámara baixa como ao Senado--.
Logo está Fronte Obreira, que presenta lista ao Congreso nas catro provincias, pero en ningunha ao Senado. Nesta conxuntura, A Coruña suma 11 candidaturas ao Congreso: os nove que se presentan ao Congreso e ao Senado en todas as circunscricións, Fronte Obreira e Soberanía Ciudadana.
Á Cámara baixa concorren por Lugo e Pontevedra un total de 10: as nove opcións que se presentan ao Congreso e ao Senado en todas as circunscricións e Fronte Obreira. Mentres, Ourense ten 11 listas, dado que á decena que comparte con Lugo e Pontevedra engádese Coalición de Centro Democrático.
No caso do Senado, A Coruña, Lugo e Pontevedra teñen nove opcións: PP, Por un mundo + xusto, Vox, Pacma, PSOE, PCTG, BNG, Sumar Galicia e Recortes Cero. Ourense é a única circunscrición cunha máis: a de Coalición de Centro Democrático.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.