Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/06/2023 | Actualizada ás 15:06
A política fai estraños amigos no camiño, e tamén moitos inimigos. Ourense é como esa historia interminable de Michael Ende. Cando parece que ten un fin, todo volve ao comezo. E o que era o malo do libro, agora é o principal aliado. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tivo que tragar saliva para recoñecer un pacto co alcade de Ourense, Gonzalo Jácome, que pode estoupar en calquera momento. Un pacto que chega cando o líder do PP negou ata en oito ocasións que ía asinar. Pero, as historias interminables son así, nunca rematan e volven comezar.
Rueda recoñeceu que acordou con Jácome que el se quedara coa alcaldía e o PPdeG coa deputación. O mesmo que o propio Jácome contou sen pelos na lingua nunha rolda de prensa este pasado mércores. De feito, o presidente galego asumiu os postulados do líder de Democracia Ourensana: "O problema foi o PSdeG e o BNG que querían todo", dixo en alusión a alcaldía e á deputación.
O líder popular citou varias veces a Jácome para destacar que tamén o PSdeG e o BNG quixeron pactar con el. "Explicou algunhas cousas curiosas. O PSOE que non quixo negociar co PP... resulta que estaba reunindose con Jácome en aparcamentos e descampados, e o BNG non se negaba a pactar tampouco", dixo
"Nós tentamos formar outro goberno e non foi posible facelo porque nin PSOE, nin BNG quixeron falar con nós, queren manter ese cordón sanitario contra nós. E, por iso, ao final, o máis lóxico é que goberne a lista máis votada", engadiu.
MANUEL CABEZAS
Sobre as críticas de Manuel Cabezas, candidato do PPdeG en Ourense, que amagou con dimitir tras recoñecer que se enterou do acordo do seu partido con Jácome polos medios de comunicación, dixo "entender" a súa posición. "O señor Rodríguez --candidato do PSdeG en Ourense-- estaba dacordo con facer a Cabezas alcalde e logo pasou o que pasou e a dirección socialista non o autorizou e iso é a base de moitas cousas", dixo Rueda para xustificar o posterior pacto con Jácome. "O mesmo venres Cabezas tamén fixo ofrecemento; que o PSOE quedara coa alcaldía e o PP coa deputación, pero o PSOE queríao todo e iso non pode ser", xustificou.
AVISO A BALTAR
Por outra banda, Rueda mandou un aviso a Baltar e destacou que a elección dos deputados provinciais do PP na deputación ten que facerse por "consenso", tras anunciar o líder do PP ourensán a súa intención de situar a afíns no organismo provincial. "O meu parecer é que se faga co maior consenso posible. Todos teñen dereito a ocupar postos pero co maior consenso e que todos poidan opinar", avisou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.