Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2023 | Actualizada ás 14:15
O BNG reclamou "valentía e decisión política" para que a lexislación que existe en España acabe coa impunidade dos crimes franquistas, ampare ás vítimas e respecte a recuperación da memoria democrática.
Asi manifestouno a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun acto celebrado na cidade herculina, no que estivo acompañada, entre outros, polo candidato ao Congreso pola provincia da Coruña, Néstor Rego, e o portavoz municipal, Francisco Jorquera.
"Vemos con moita preocupación a deriva que está a tomar o Partido Popular en Galicia, cada vez máis extremista, que pretende reescribir a historia e avanzar na batalla ideolóxica", advertiu Pontón. Ao mesmo tempo, presentou á súa formación política como "garantía" de país "orgulloso da súa lingua, que repare as vítimas do franquismo e que recupere a súa memoria democrática".
A líder nacionalista insistiu no compromiso do BNG de ser unha "voz galega que se escoite desde Madrid" para "seguir avanzando en dereitos democráticos" cara a un país con "máis xustiza e máis igualdade", tras as eleccións xerais do próximo 23 xullo.
MEMORIA DEMOCRÁTICA
Na mesma liña, Rego lamentou que "aínda é a memoria dos vencedores a que ocupa moitos lugares públicos a pesar desa lei que xa está en vigor" e lembrou que o BNG "sempre tivo como prioridade a recuperación da memoria democrática". Jorquera, pola súa banda, recalcou que nesta materia na cidade da Coruña "aínda queda moito por facer". "Quedan rúas con nomes vinculados á ditadura franquista e ao levantamento nacional", criticou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.