Goretti Sanmartín insiste en que a maior parte dos santiagueses entende que non vaia a actos relixiosos

Reduce a unha "polémica artificial" as críticas da oposición á súa ausencia da Ofrenda do Apóstolo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2023 | Actualizada ás 12:49

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, reduce a unha "polémica xerada de maneira artificial" as críticas da oposición á súa ausencia de actos relixiosos, como o da Ofrenda ao Apóstolo do 25 de xullo.

A preguntas da prensa este mércores, a rexedora dixo "non ter ningún interese en polemizar sobre algo do que o conxunto da sociedade de Compostela está por encima". "Á xente o que lle importa é que xestionemos, gobernemos, solucionemos os seus problemas, que nos poñamos a trabar noutras cuestións", como poida ser o transporte colectivo, mellores servizos públicos ou que se axilice a administración municipal. "Iso é o que lle importa á sociedade de Santiago de Compostela, e non lle importan polémicas xeradas de maneira artificial acerca da participación ou non nun acto de carácter relixioso", afirma.

Neste sentido, insiste en que o Concello de Santiago vai colaborar e "exercer o seu papel de anfitrión en todos os actos institucionais, recibindo ao rei ou delegado rexio", mentres que "a maior parte da sociedade compostelá respecta perfectamente e comprende que haxa unha decisión de non participar nun acto litúrxico, que é un acto relixioso". "Non hai que darlles máis voltas", gabia.

Incide en que "está absolutamente garantido" o seu papel de anfitrioa en todos os actos que se organicen, aínda que non participe no acto relixioso. Ademais, remarca que o Concello vai celebrar "por primeira vez" con motivo desta festividade un acto civil de recoñecemento a persoas da cidade pola súa traxectoria en diferentes ámbitos.

"É comprensible que haxa xente á que non lle guste esta decisión", sostén, pero considera que "a maior poboación de Compostela comprende e respecta" que non asista a actos relixiosos nun "Estado aconfesional".

Néstor Rego e Goretti Sanmartín. BNG
Néstor Rego e Goretti Sanmartín. BNG | Fonte: Europa Press

DIEGO CALVO


O vicepresidente primeiro da Xunta, Diego Calvo, criticou á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, por non asistir aos actos relixioso con motivo do Día do Apóstolo que se celebra o 25 de xullo, unha celebración que constitúe "un símbolo" para a cidade e que, por iso, debe ser "respectada" polo seu rexedor ou rexedora, especialmente cando esta "prefire" acudir "a unha manifestación nacionalista".

"Ela (Sanmartín) xa non é a cidadá Goretti, agora é a alcaldesa de todos os composteláns", aseverou Calvo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta celebrado este xoves, onde remarcou que Santiago é unha cidade "que se caracteriza, ademais de por ser capital de Galicia e sede das institucións, por ser o final do Camiño".

Por tanto, cre que a rexedora nacionalista debería acudir aos actos católicos do 25 de xullo e "a todo tipo de eventos que teñen que ver co Camiño de Santiago ou coa Catedral" porque a súa presenza como primeira edil supón "respectar os símbolos" da cidade que debe, ao seu xuízo, antepor ás súas "conviccións persoais".

"Cando unha persoa chega á Alcaldía, é a alcaldesa de todos, non só duns cuantos. Sobre todo cando prefire unha manifestación nacionalista no canto dun evento como o do día 25 (de xullo)", aseverou Calvo, en alusión ao tradicional acto político no que o BNG celebra o 25 de xullo o 'Día da Patria Galega'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta