Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2023 | Actualizada ás 23:55
"Galicia, nai e señora, principio e fin do Camiño". Manuel Fraga tiña claro que o noso país era o centro dun gran ecosistema que unía culturas e xentes desde a Idade Media. Unha convicción que herdou o seu sucesor, Alberto Núñez Feijóo, a quen o fundador de AP recomendou non esquecer as orixes.
Un consello que o novo líder do Partido Popular non deixou pasar porque cimentou as súas maiorías absolutas en Galicia con esa política de que os galegos e as galegas temos a nosa lingua e a nosa cultura pero, á vez, somos universais dentro dun Estado que é o español. Unha idea que partilla nas formas a candidata de Sumar, Yolanda Díaz, aínda que non no contido. Para Díaz, unha federalista convencida, Galicia é un país diferente dentro dun estado conformado por máis culturas e máis países.
Pero tanto Díaz, como Feijóo, a pesar das diferencias ideolóxicas, teñen en común o feito de ser galegos. Un ADN que guste ou non, conforma unha forma diferente de entender a vida e tamén a política. E por iso tanto un coma o outro decidiron comezar a campaña electoral das eleccións do 23 de xullo na súa terra. E os dous, tirando de tópicos, ou de "lemas" que cren que funcionan ben no resto do Estado.
Por iso, o líder do PP e candidato á Presidencia do Goberno, acudiu aos Peares, o seu pobo natal para dar voz á España rural. "É o momento da alternancia política en España e de que a democracia española poida pór a un rapaz nado nunha aldea na Presidencia do Goberno", proclamou nun intento de contrarrestar a influencia que Vox comeza a ter nesa España vaciada.
Yolanda Díaz tirou máis de universalismo e tocou a fibra emigrante. "Os galegos non temos medo a cruzar os océanos", dixo nun acto celebrado na Coruña, de costas ao Atlántico nunha cidade na que está "o que máis" lle "importa", a súa familia e amigos. Deste xeito, chamou aos galegos a "desmontar que somos unha sociedade conservadora". "Nós sabemos que non é así, cando temos a dignidade suficiente somos capaces de dar o mellor de nós mesmos, fixémolo no Nunca Máis, fixémolo en todas e cada unha das eleccións xerais (do 19): os votos progresistas foron máis que os votos da dereita neste país e pídovos que si, que a xente progresista de Galicia salga con ilusión a votar o 23 de xullo", proclamou.
E A XENTE DE AQUÍ
E nunha campaña galega descafeinada por dirixentes galegos en Madrid, os de aquí tentan facerse oír no medio dun gran balbordo mediático. E iso tentaron os tres grandes líderes políticos este xoves. "Basta de discriminación, basta de ser a última carta da baralla. É o momento de Galicia, de facer valer o noso ante o Goberno do Estado, con orgullo e con determinación", afirmaba Pontón en Santiago presumindo de nova alcaldesa nacionalista.
A líder do BNG insiste ata a saciedade no grupo galego en Madrid para que Galicia "faga valer as súas cartas" porque "non a van a facer as forzas estatais". "Esas que votan unha cousa aquí e a contraria en Madrid, porque só o BNG ten as mans libres para defender os intereses da xente deste país ante un goberno do Estado", sinalou.
Un argumento moi diferente ao do líder do PPdeG, Alfonso Rueda, para quen, precisamente, ter galegos en Madrid significa que Galicia "volve ensinar un camiño de política útil para todos os españois e de que en Madrid se faga política á galega da man de Alberto Núñez Feijóo". "Tras moitos menosprecios a Galicia, é o momento dun galego e, tras moito sanchismo, é o momento da maioría dos españois e Feijóo", proclamou no acto de inicio de campaña do PPdeG para o 23J, celebrado na Praza de Amboaxe de Ferrol.
O dirixente popular tamén aproveitou para atacar aos nacionalistas por crer "que máis Galicia é menos España" e aos socialistas que "obedecen a Ferraz antes que aos intereses dos galegos para afirmar que os galegos non queren "nin nacionalismos nin sucursalismos".
Pero se Feijóo é un "bo exemplo de galego en Madrid" para os populares, para o PSdeG é todo o contrario. Precisamente, teñen que ser os galegos que "alerten do que lle espera a España como chegue Feijóo ao goberno", xa que "deixou unha Galicia moito peor da que atopou". "Se iso é o que fixo en Galicia, que fará no Estado con Abascal como vicepresidente?", dixo o líder deste partido, Valentín González Formoso, no inicio da campaña.
Por iso, fixo un chamamento a "concentrar" no Partido Socialista o voto co fin de frear o "enorme retroceso" que suporía un bipartito de PP e Vox. Así, apelou ao "voto útil" para evitar unha marcha atrás con "a dereita e a ultradereita" en "dereitos sociais e servizos públicos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.