Os axentes ambientais iniciarán mobilizacións "se non hai avances" no cumprimento dos acordos asinados

A CIG avanza que "xa estudan as primeiras accións de loita" para o mes de setembro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2023 | Actualizada ás 19:46

Comparte esta noticia

O sindicato CIG advertiu de que os axentes ambientais iniciarán mobilizacións "se non hai avances", por parte da Administración nos compromisos adquiridos nos acordos asinados en 2016, 2017 e 2018 ou se "vai adiante cunha división da escala con retrocesos laborais". Así o sinalou a secretaria nacional da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, tras a reunión co sector para avaliar os cumprimentos de acordo de condicións de traballo asinado en 2018 tras unha folga que durou varios meses.

Ademais, explicou que, na actualidade, 543 axentes ambientais traballan nos distritos ambientais da Dirección Xeral de Patrimonio Natural (156) e na Consellería do Medio Rural nos distritos forestais (387) pero "de non se harmonizar as prazas e de cubrir todas as vacantes, o número sería maior".

Desta forma, unha das cuestións que "máis demandaron" foi a necesidade de procesos selectivos, debido á "alta porcentaxe de temporalidade". Ademais, "preocupa a intención da Consellería do Medio Rural de reordenación e división do persoal nos distritos forestais cun empeoramento das condicións laborais e de servizo público".

A CIG expuxo as conclusións "máis destacables" da reunión. Unha é a "convocatoria urxente de procesos selectivos" das 56 prazas das OPE 2020 e 2022, e oferta todas as vacantes contando tamén coas xubilacións.

Tamén fixo referencia ao concurso de traslados "sen mobilidade desde hai máis de 10 anos", a negociación da regulación da escala de axente técnico en xestión ambiental, activar o grupo B, a creación das prazas "comprometidas pola Xunta" con motivo da onda de incendios e das que "non creou ningunha" e un plan formativo conxunto con acceso a todo o persoal da escala.

Así as cousas, Burgos apuntou que "sobre a pretensión manifestada por Medio Rural de división do persoal dos distritos forestais", concluíron cun "non rotundo á división e un si á especialización". Ante isto, advertiu que se a Administración "non avanza nos compromisos adquiridos" ou "vai adiante cunha división da escala con retrocesos laborais", terá "un conflito inmediato asegurado" e avanzou que "xa estudan as primeiras accións de loita" para o mes de setembro.

Reunión dos axentes ambientais. CIG
Reunión dos axentes ambientais. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta