Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 08/07/2023 | Actualizada ás 14:02
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este sábado nun acto organizado en Pontevedra por Galiza Nova, a organización xuvenil ligada ao Bloque, para apelar á "mobilización masiva" o próximo 23 de xullo da xente máis nova, para encher as urnas de votos ao BNG e "construír unha Galicia libre da precariedade e da emigración que impón a dereita".
"Por tanto, sabemos que este 23 de xullo a mocidade galega, a xente nova que vive neste país, xógase moito. E por iso, quérolle pedir á xente nova deste país que vote coa cabeza e o corazón en Galicia e que pelexe por un futuro mellor e porque aquí teñamos oportunidades", proclamou na súa intervención.
A líder nacionalista chamou a este voto co fin de lograr "servizos públicos de calidade" e "por unha política de vivenda que poña no centro as necesidades da xente nova".
"Iso é o que queremos ir defender a Madrid desde o BNG. Para iso, queremos un grupo galego forte, para darlle futuro á mocidade aquí", salientou Pontón.
Por iso, a portavoz nacional do BNG dixo que ese é o "reto" das próximas eleccións xerais do 23 de xullo. "Ese é o reto ao que chamamos aos mozos, a encher as urnas de papeletas do BNG para ter futuro en Galicia, porque tamén vos podo dicir que o BNG non lle vai a fallar á mocidade, imos estar á vosa a altura", sentenciou Pontón.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.