Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2023 | Actualizada ás 18:48
As organizacións sindicais CIG-Ensino, UGT-Servizos e CCOO-Ensino convocaron folga e dúas concentracións para este mércores, día 12 de xuño, no Centro de Menores Concepción Arenal e o CIEMA, ambos os xestionados pola Fundación Camiña Social.
A primeira protesta será ás 11,30 horas ante a Concepción Arenal (Lugar de Palavea, 2) e a segunda ás 12,30 horas diante do Edificio Administrativo de Monelos (rúa Vicente Ferrer), facéndose o desprazamento dun lugar ao outro a modo de caravana reivindicativa de coches, que sairá sobre as 12 horas de Palavea.
Nun comunicado conxunto, as organizacións sindicais destacan que con esta folga buscan reivindicar a recuperación do poder adquisitivo dos salarios, a defensa do convenio colectivo propio e unha mellora do servizo que se presta aos menores.
O centro Concepción Arenal e CIEMA están xestionados pola Fundación Camiña Social que, a pesar de ter un superávit millonario nas súas contas, de máis de 6 millóns de euros, mantén conxelados os salarios dos seus traballadores e traballadoras desde o ano 2014, escusándose nuns supostos balances económicos negativos dos últimos anos, que nada teñen que ver coa realidade da fundación.
"Agora, tras máis dunha ducia de reunións sen avances desde 2021, primeiro negociando as táboas salariais e despois un novo convenio colectivo, a fundación segue instalada no inmobilismo e mesmo se negou a ir ao AGA a unha arbitraxe en equidade, tal e como regula o propio convenio no seu artigo 50", sinalan os sindicatos.
Ante este "desprezo", as organizacións sindicais destacan que se acordou, por máis do 90% dos traballadores, convocar esta primeira folga o 12 de xullo e mobilizacións tanto nas instalacións de Palavea da fundación como diante do Edificio Administrativo deMonelos da Xunta de Galiza, como responsable deste servizo.
O obxectivo é reclamarlle á dirección que "abandone a súa postura inmovilista, que respecte os dereitos adquiridos no convenio propio e que aborde unha negociación real que permita ao persoal, canto menos, recuperar o poder adquisitivo perdido nestes anos" e "garantir en IPC nas súas táboas salariais actuais e futuras".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.