O teléfono 024 de atención á conduta suicida atendeu 129.000 chamadas nun ano

O ministro de Sanidade insta as comunidades a que se "envorquen" coa saúde mental para erradicar esta "epidemia silenciosa"

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 12/07/2023 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

O teléfono 024, de atención á conduta suicida, posto en marcha polo Goberno en maio de 2022, atendeu 129.000 chamadas desde esa data. Así o comunicou o ministro de Sanidade, José Miñones, na súa visita á Asociación Prol Enfermos Mentais (APEM) na Coruña, na que recalcou a importancia de "visibilizar a saúde mental" para erradicar esta "epidemia silenciosa".

Ao mesmo tempo, fixo un chamamento ás persoas que necesiten esa axuda a que "utilicen esta liña" e esixiu ás comunidades autónomas que "se envorquen neste ámbito". Antes de percorrer as instalacións deste centro, Miñones lembrou que a comisaria de Saúde e Seguridade Alimentaria da Unión Europea, Stella Kyriakides, comprobou o funcionamento do teléfono 024 e comprometeuse "persoalmente" a estender este proxecto piloto español "ao resto de Europa".

Na mesma liña, mencionou que os próximos 27 e 28 de xullo celebrarase en Las Palmas de Gran Canaria unha reunión de alto nivel pola presidencia europea de España cuxas "conclusións principais serán a saúde mental".

O titular da carteira de Sanidade encomiou, tamén, o plan de acción de saúde mental posto en marcha polo Executivo central para os anos 2022, 2023 e 2024 que "por primeira vez na historia conta con dotación económica", cun total de 100 millóns de euros para as comunidades autónomas. "Galicia, nesta última convocatoria, recibiu máis de 3,5 millóns para pór accións en marcha e mellorar infraestruturas", concretou.

Neste acto, o ministro estivo acompañado pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; e pola concelleira de Benestar Social do Concello da cidade herculina, Yoya Neira. Neira, na súa intervención, sinalou que o consistorio está a achegar "o seu graniño de area" en programas que son "novos", sobre todo dirixidos á poboación infanto-xuvenil "que se atopa nunha situación máis complexa provocada por diagnósticos tardíos ou por unha atención non todo o óptima que debería ser".

Depresión, suicidio, fenómenos moi relacionados coas enfermidades mentais
Depresión, suicidio, fenómenos moi relacionados coas enfermidades mentais | Fonte: Pixabay - Daniel Reche

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta