Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2023 | Actualizada ás 13:40
Correos contratará en Galicia a 1.424 persoas para o dispositivo especial para as eleccións xerais do 23 de xullo, cuxo prazo para solicitar o voto por correo terminou o xoves. En cambio, sindicatos cuestionan estes reforzos e critican a "falta de previsión" da empresa pública.
Segundo datos que ofrece Correos a Europa Press, están previstos un total de 1.424 contratos para estas datas, a maioría nas provincias da Coruña (589) e Pontevedra (458). A estes hai que sumar os de Lugo (204) e Ourense (173).
Todo iso tras rexistrarse cifras marca de solicitudes de voto por correo. En concreto, a empresa postal pública tramitou 146.144 solicitudes dirixidas ás oficinas do censo electoral galegas, máis do triplo que para as últimas xerais do 10 de novembro de 2019.
Neste contexto, o responsable de Correos en CCOO Galicia, José Antonio Pensado, non ten "ningunha dúbida" de que o operativo do 23X sairá adiante, pero grazas ao "esforzo" dos traballadores. "En Correos levamos feitos unha chea de procesos electorais, non tivemos problemas e este non vai ser unha excepción", asegura.
En declaracións a Europa Press, Pensado confía en que o persoal "vai sacar todo isto adiante, haxa máis ou menos reforzo" e a pesar da "incerteza" de tratarse duns comicios no verán: "Nós estamos a reivindicar que poñan o persoal que sexa necesario para facer todo o proceso da mellor maneira posible e que todo entre en prazos, que vai entrar".
A dirección trasladou aos sindicatos que "non ía haber ningún problema" en canto aos reforzos. No entanto, o responsable de CCOO afirma que este proceso "colleu a todos co pé cambiado, pero sobre todo á empresa", porque os representantes dos traballadores xa "prevían unha avalancha de solicitudes".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.