Verín vivirá unha 'Batalla de batucadas'

Os días 28 e 29 de xullo Verín celebrará a súa tradicional festa da batucada, un evento que cada ano reúne a milleiros de persoas arredor da música, o baile e a diversión.

Por Galicia Confidencial | Verín | 19/07/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O programa oficial da festa inclúe actividades para todos os públicos e gustos, desde desfiles infantís e concertos ata festa da espuma e este ano, como novidade, unha batalla de batucadas. Así o adiantaron o luns 17 de xullo a concelleira de Cultura, Festexos e Turismo, Samanta Barreira, e Javier M. Quintas, xerente da empresa verinesa Elogo Delivery, patrocinadora do evento.

Presentacion da Batucada 2023. Foto: Prensa Concello de Verín.
Presentacion da Batucada 2023. Foto: Prensa Concello de Verín.

A actividade comezará o venres 28, ás 11:00 horas, co colorido desfile infantil da ludoteca municipal, coa temática do mar e o mundo mariño, que partirá do Colexio Amaro Refojo e pasará pola Praza do Concello ata chegar á Praza García Barbón.

Pola tarde, de 16:30 a 19:00 horas, a festa trasladarase á praia fluvial do río Támega, onde haberá inchables e animación musical patrocinados pola empresa verinesa de reparto Elogo Delivery. A continuación, ás 19:30 horas, haberá un concerto infantil da man de Gramola Gominola, unha banda de auténtico Rock&Roll en galego para público cativo. 

Samanta Barreira quixo agradecer á empresa Elogo Delivery a súa colaboración co Concello para facer posible, coa súa achega económica, a festa na praia fluvial do río Támega. A concelleira destacou "a importancia de xerar este tipo de sinerxias entre o tecido empresarial e a administración pública, que permiten ofrecer aos veciños e veciñas actividades de lecer e cultura de calidade e gratuítas".

A noite do venres estará amenizada pola discoteca móbil Enjoy, que porá música e ambiente na Praza García Barbón desde as 23:00 ata as 2:30 horas.

O sábado 29, a festa continuará coa xa tradicional festa da espuma que se celebrará na Praza García Barbón de 17:00 a 19:00 horas, coa música de Discomóbil A Gramola. Este ano habilitaranse dous espazos, un para o público adulto e outro para o infantil; e non se fará o tradicional lanzamento de auga. A concelleira argumentou que por responsabilidade e para dar exemplo "non podemos malgastar un recurso tan valioso e necesario para a vida".

Ás 19:00 horas comezará o desfile de batucadas, que sairá da mesma praza e percorrerá as rúas da Cruz, a Mercé, Laureano Peláez e Irmáns Moreno, onde, como novidade este ano, haberá unha batalla de batucadas. Participarán a Banda de Gaitas e as batucadas Latexo, Os Queimatasas e Bloquinho de Xérmolos.

O ramo a esta celebración festeira poñerao a Discomóbil A Gramola, que actuará na Praza García Barbón desde as 23:30 ata as 2:30 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta