Down Galicia denuncia á Xunta polas axudas "discriminatorias" de material escolar

Critica que a Xunta prexudica ao alumnado con esta síndrome que se matricula en educación ordinaria fronte aos de educación especial.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2023 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

A Federación Down Galicia fixo pública este martes unha denuncia presentada contra a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades polas axudas "discriminatorias" para adquirir material escolar.

En concreto, Down Galicia presentou un recurso contencioso administrativo contra a convocatoria ás axudas para adquirir libros de educación primaria, secundaria obrigatoria e educación especial, en centros docentes que reciben fondos públicos, que publicou o Diario Oficial de Galicia o pasado 10 de maio.

O presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto González, cualificou de "discriminatoria" esta orde por non respectar as condicións de "igualdade ante a lei" dos cidadáns. "O motivo non é outro que a clara discriminación da normativa cara ao alumnado que aposta pola educación inclusiva, xa que vulnera claramente os seus dereitos fundamentais", expresou a Federación nun comunicado.

ORDE

Segundo precisa a Federación Down Galicia, esta orde incorpora un réxime diferenciado e específico nas axudas de libros para o alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en unidades de educación especial de centros ordinarios, e para o alumnado regular cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.

"En primeiro lugar, a orde indica que para o alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos, a contía das axudas será de 300 euros con independencia da renda per cápita da unidade familiar", argumentou Down Galicia.

O presidente da Federación subliñou que os que reciben a contía máis alta en educación especial é "sen ningún tipo de requisito máis que estar matriculado nun centro de educación especial ou análogo". Por tal motivo, considerou a orde de "discriminatoria" porque "a contía da axuda para o alumnado con discapacidade escolarizado en educación ordinaria dependerá da renda per cápita da unidade familiar, e non alcanza en ningún momento a cantidade máxima".

NORMATIVA VIXENTE

Por outra banda, a entidade considerou que a orde contraven o dereito á educación inclusiva incluído na Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade, ratificada por España no ano 2007. Esta mesma lei foi ratificada polo Parlamento de Galicia no ano 2008 e ao momento é de obrigado cumprimento.

O Presidente de Down Galicia
O Presidente de Down Galicia | Fonte: NICOLÁS GÓMEZ CARBALLO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta