Como combater nas horas baixas? (2)

...¿Que fado tráxico, que estraña / maldición ou odio monstruoso / fan de min un raro forasteiro / na miña propia, irrenunciábel patria? Manuel María

Por Fermín Paz | As Pontes | 21/07/2023

Comparte esta noticia
Quero subliñar hoxe a importancia do arraigamento, do sentimento libre de pertenza  á Terra, do  propio e do común. 
 
Dita pertenza ten unha característica individual  e á vez colectiva, é a nosa identidade no Mundo que rexeita a dependencia de calquera hexemonismo que queira impoñer o seu, o alleo a nós e ao noso. En fin, a necesidade dunha Patria é un sentimento  particularmente sedutor e máis nestes tempos onde todo o que tería que ser independente é dependente. 
 
Sempre interesei por dita sedución. Mais convén facer algunha aclaración. Algúns nacionalismos, en concreto o español,   nega  a súa vez, o doutros pobos o desexo de ser unha nación soberana. A loita pola democracia no Estado Español  priorizou a estratexia maximizando o derrube da dictadura e a conquista das liberdades. Logo de acadar dito obxectivo nese proceso emancipador, o que xurdiu foi unha mestura do vello e do novo, coa envoltura do posible. As forzas políticas maioritarias, seguen hoxe, a defender aquel ordenamento estrutural e as leis coas que minimizaron o sentimento das nacionalidades históricas, en concreto da Galega, da Vasca e da Catalá, seguen vixentes. 
 
O españolismo contemporáneo é unha resultante daquel consenso e representa a ideoloxía da unidade a forza que segue a sosterse logo da desfeita dun imperio fracasado, practicante dun colonialismo interior na súa concreción de Estado, como no pasado o foi cara a outros territorios de ultramar e que transitou da ditadura á democracia parlamentar, nun acordo constitucional das forzas políticas sistémicas,  tanto da dereita como da esquerda, garantindo por esa fórmula política un ordenamento dun novo status, iso si, mantemento  principios xurídicos-políticos asentados en desexos con máscara de principios sen posibilidade negociadora, como a monarquía ou  a participación obrigada no proxecto colectivo historicamente construído sobre un mito.
 
Hai quen conforma ou acredita nas milagres e subordina sempre o sentimento nacional a outras reivindicacións, dando máis creto as ideoloxías que queren dar resposta aos novos asuntos antes que, acordar solucións para os pendentes. Eu non coñezo ningún caso no Mundo onde a liberación nacional fose secundaria a calquera outro proceso. Nin nos Estados cun sistema capitalista nin socialista. Nin nunha democracia, nin nunha ditadura. 
 
O noso sentimento nacional e de outros pobos fica pendente dunha solución democrática. Aínda hoxe persiste a idea de eternidade daquel consenso que deixou sen resolución e sen máis camiño que o previsto na Constitución Española o que o fai intransitable, sen unha reforma axeitada dese texto legal.  Ademais xa foi sentenciado polo  Tribunal Constitucional que non existe posibilidade de calquera outra interpretación: España é a única Nación.
 
Pois quen querían caldo, xa teñen dúas tazas ben grandes coa mundialización e poden recuncar cantas veces queiran. É esta a alternativa sanadora de tódolos males da humanidade, do Estado Español ou da UE? 
 
Os obxectivos publicitados e defendidos pola globalización non son merecedores da confianza da maioría dos pobos e da xente para mellorar. No mellor dos casos é o resultado da consolidación do capitalismo e a necesidade de expansión do fluxo do comercio mundial, así como dos principais avances tecnolóxicos, especialmente nas comunicacións. 
 
Non contén no seu interior ningunha bondade para deixármonos levar pola súa corrente por máis que este fenómeno vaia impoñendo parte da súa dialéctica, nesta fase da historia da humanidade. A  subsistencia e o propio desenvolvemento do sistema capitalista, obrigou  a dito movemento estratéxico, a favorecer o individualismo, a deslocalización, a precariedade e a unha certa uniformización nos deberes dunha parte da poboación mundial, mais non dos seus dereitos. A nivel político-social, xerou desorientación na esquerda e a loita contra este fenómeno non tivo un contrario sistémico como noutras etapas históricas . É verdade que hai  resistencia,  moitas teorizacións e algunhas conclusións. 
 
A conciencia de clase non foi algo que xurdiu espontaneamente na industrialización. Engels e Marx, construíron unha base ideolóxica e a necesidade da organización para loitar. A clase obreira emerxeu como entidade colectiva, coa demanda duns dereitos e cos seus obxectivos propios, na súa loita contra un contrario doutra clase.
 
Os pobos oprimidos polas metrópoles coloniais xurdiron dunha maneira de facer semellante e  para conformarse como tales nacións tiveron que estar dispostas e loitar pola súa soberanía. Necesitaron asentar a reivindicación sobre un idioma de seu, literatura, arte, música, xornais ou calquera forma de transmisión falada ou escrita, contos, historia, mapas, dicionarios, etc..., que  permitiron imaxinarse como nación de primeiras, antes que a loita pola súa soberanía tivese sentido e expresión política. 
 
Queirámolo ou non, a soberanía nacional, nestes tempos de inseguridade e incerteza responde mellor ás demandas da nosa comunidade que calquera outra estruturación. 
 
O sentimento nacional ten hoxe un claro atractivo mesmo por razóns tamén prácticas. Se formamos parte de estados-membros de entidades supra-nacionais, como a UE, é porque temos, soberanía limitada por cesión obrigatoria (por estar no club) e libre (por querer estar).  Asemade as conformacións nacionais poderían facer asociación con outras polas mesmas razóns. Por iso, o sentido práctico require que pensemos na Nación que queremos e na vida institucional do día a día nesta xeografía político-económica de interdependencias na que vivimos. Que nos preguntemos que forma de políticas, nacionais e transfronteirizas queremos promover? E con quen? Esta cuestión é unha decisión crave para garantir o noso en toda a súa amplitude. 
 
A retórica nacional  desa España unha e única, inimaxinable  noutros tempos desde as posicións da esquerda, hoxe é posible e ten moito aliado no bando do  progresismo. A identidade  galega é o proxecto para facela realizable a nivel xurídico-político require  da loita e de moitas alianzas e por iso, convén precisar moi ben o contrario e quen erra ao retardar o proceso e quen pode favorecelo, aínda que sexa sen unha coincidencia táctica- estratéxica na súa totalidade. 
 
Desatender as identificacións colectivas ou promover que se lancen a unha contraposición  é un dos maiores perigos políticos, porque ese afecto da confrontación é un poderoso destrutor do mundo común. E con todo, non por iso debemos renunciar ás identidades colectivas, ás nacionais neste caso que, insisto, son necesarias mesmo nos actuais estados. A difícil pregunta é como conseguir unha forma equilibrada de identificación coa nación mesmo desde posicións diferenciadas. 
 
Falar dos sentimentos sen ataduras sempre esixe unha apertura das cancelas dos adentros. Eu español non me sinto polo tanto non teño identificación con esa Patria. Síntome galego e consecuentemente a miña patria é Galiza. Sei e teño que aceitar que, o meu sentimento por moito que viva en min, nas miñas emocións, na miña ideoloxía e na maneira de ser e de facer, vai ter crítica, vai ser combatido e as veces cualificado negativamente. Hai quen sinte unha diferente identificación a miña; hai quen no quere ter inimigos e cala; outros só acreditan nunha Patria española; sen darlle unha volta ou facer unha análise mínima do contexto histórico  de cando eran nenos, outros teñen sentimentos de pertenza a dúas Patrias, a Española e a Galega; tamén existen aqueles outros cunhas emocións declaradas, nunha especie de patriotismo trivalente (3x1), galego español máis europeo; e tamén hai quen se sinte cidadán do mundo porque a súa patria non ten fronteiras, nin pertenza exclusivista a nada nin a ninguén e, dese xeito, expresa ás súas emocións e razóns. Para min carece de importancia ter eses diferentes sentimentos e ideario, o fundamental é que o patriotismo galego teña un grande desenvolvemento para que a nosa Nación sexa ceibe e soberana, porque todas as Patrias sentidas teñen que ser posibles só coa condición de facelo en pé de igualdade coas demais e sen ningunha discriminación de acordo coa Declaración Universal dos Dereitos Humanas. 
 
As dificultades ao igual que as contradicións existen. Trátase de atopar unha solución para a súa resolución.

Urna nun colexio Electoral
Urna nun colexio Electoral | Fonte: Víctor Fernández - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.