Por Águeda Cernadas | Santiago de Compostela | 29/07/2023 | Actualizada ás 22:00
Tenacidade, proxecto e ilusión, estas son as chaves do éxito de Luar na Lubre, un grupo de música celta cunha traxectoria de case 37 anos, máis de 2.000 concertos en máis de 40 países. Ademais este ano lanza Encrucillada, o seu último traballo que comezou fai ano e medio.
O grupo está formado por Bieito Romero, Nuria Naya, Patxi Bermúdez, Pedro Valero, Xavier Ferreiro, Xan Cerqueiro, Irma Macías e Brais Maceiras, todos eles con algo en común, confianza na música que crean e paixón polo que fan dentro deste estilo musical que nin eles queren catalogar.
INICIOS
Os comezos remóntanse a 1985 na cidade da Coruña. "Eran tempos moi diferentes, non era doado facer este tipo de música, de feito, podía chegar a ser problemático", recorda Bieito Romero, quen toca a gaita, a zanfoña e o acordeón no grupo. A pesar de que dende o inicio viron como este proxecto gustaba e funcionaba, nada impediu que tiveran que escoitar comentarios como "a onde ides cantando en galego?" ou "ese tipo de música non vai chegar a ningún lado".
10 anos máis tarde deste inicio, o famoso músico Mike Oldfield invitounos a tocar con el. Bieito recorda que foron "unha serie de curiosas circunstancias longas de explicar" ás que deron lugar a este fenómeno pero aínda así tenta reducilas. Mike Oldfield buscaba novos sons e quería coñecer novos estilos. "Demos un concerto ao que el asistiu, gustoulle o que facíamos e fixo unha versión de 'Son do Ar'", explica Bieito. Isto foi un punto de inflexión xa que lles deu un empuxón internacional pero cabe recordar que se non fose polo seu traballo durante os 10 anos previos, isto non tería sido máis que unha "simple anécdota", asegura o músico.
TRABALLOS
Unha curiosidade do grupo é que algúns dos seus discos graváronse en directo. Segundo Bieito, esta decisión foi tomada porque cando daban concertos a música sentíase diferente xa que podían notar "o latexo do público" polo que as sensacións eran totalmente diferentes. Un deles foi gravado en 2009 na Coruña e Bieito explica que "despois de ver como a xente fervía e conectaba nos nosos directos, que o disco se gravase así acercábanos á xente e dáballe verdade á música".
Outra das cousas que Bieito comparte é que non hai ningunha canción da que se aburra pese a levar 37 anos creando música. Pois como el di, "a sensación do público non é igual en cada concerto, polo que aínda que se cante a mesma canción moitas veces, cada vez síntese diferente polo que tamén a transmites de xeito distinto"
'LUAR NA LUBRE XX- ENCRUCILLADA'
Agora o grupo presenta o seu último traballo, o vixésimo xa, titulado 'Encrucillada'. Encrucillada comeza a nacer fai ano e medio e é especial, como todos pero este aínda máis, xa que é unha conmemoración á longa traxectoria do grupo, porén "buscamos que tivera chaves de celebración", conta o músico.
Este novo traballo é un libro-disco e o seu título nace do significado da palabra encrucillada, é dicir, cando moitos camiños crúzanse ou encóntranse nalgún punto. Neste disco moitos dos artistas cos que colaboraron durante os 37 anos que levan en activo terán cabida e formarán parte del nalgúns temas.
Que mantén en común cas raíces do proxecto, cos inicios? Pois ben, Bieito explica que manteñen a esencia do proxecto inicial, traballan dende unha perspectiva moderna pero "mantemos as chaves iniciais de Luar na Lubre", recoñece. Ademais tamén seguen ca mesma ilusión, as mesmas gañas e a mesma confianza no que fan, algo que comparten todos os discos do grupo.
No eido das diferenzas co resto de discos, o integrante explica que é "unha diferenza vital". "Teño ás mesmas gañas pero xa non teño os 22 que tiña cando comecei, por iso a enerxía non é a mesma, non mellor ou peor, senón diferente", explica Bieito. "Hai unha evolución evidente, o pouso estilístico mantense pero con matices e a calidade do son non é igual porque a tecnoloxía evolucionou", asume o membro de Luar na Lubre que defende que "tentamos estar cos tempos pero sempre sen perder as nosas raíces".
Este disco atópase xa á venda e como se dixo anteriormente, conta co propio CD e ademais cun libro onde se explica e se lembra a longa traxectoria do grupo durante os case 40 anos que levan en activo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.