Luz e cor durante os Fogos do Apóstolo en Santiago nunha noite que concluíu sen incidencias destacadas

As propostas musicais do Concello son Seso Durán, que ofrecerá un concerto no parque de Galeras a partir das 21,00 horas, e a Praza da Quintana, que acollerá a actuación de Cimafunk a partir das 22,00 horas.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 25/07/2023 | Actualizada ás 12:09

Comparte esta noticia

Santiago de Compostela viviu a noite do 24 de xullo e as horas de entrada ao 25 de xullo, Día Nacional de Galicia, sen incidencias destacadas, nunha xornada marcada pola luz e cor coa que os Fogos do Apóstolo encheron todos os recunchos da capital galega.

A traca final dos lumes deixouse sentir en toda a cidade, xa que, un ano máis, os máis de 2.000 quilos de material pirotécnico lanzáronse desde cinco puntos estratéxicos: a Alameda, o Parque de Carlomagno (Fontiñas), a Cidade da Cultura, o Parque de Eugenio Granell (Conxo) e As Cancelas. Desde cada un deste cinco puntos realizáronse 1.550 disparos de máis de 390 quilos de NEC, ata alcanzar a cifra total de máis de 2.000 quilos de pólvora.

O espectáculo de luz e cor comezou ás 23,30 horas cunha combinación de tronos e grandes bombas de cor, seguido dunha serie de conxuntos con figuras xeométricas e florais, entre outras, acompañados por varios efectos de son e luz.

Á súa conclusión, composteláns e visitantes que este luns encheron a cidade, repartíronse polas rúas da capital galega para gozar dunha noite na que o concerto de Xabier Díaz na Praza da Quintana, dentro da programación do Concello, e as actuacións de Fillas de Cassandra, Deus Ke Che Crew e Grande Amore, dentro do Festigal, puxeron a nota musical.

Para a noite deste 25 de xullo, as propostas musicais do Concello son Seso Durán, que ofrecerá un concerto no parque de Galeras a partir das 21,00 horas, e a Praza da Quintana, que acollerá a actuación de Cimafunk a partir das 22,00 horas.

PELAS E INTOXICACIÓNS ETÍLICAS

Con todo, a festa tamén lle deu traballo aos servizos de emerxencias, aínda que fontes da Policía Local precisaron que, a pesar de que a cidade estaba chea de xente por todos os seus recunchos, a noite foi "bastante tranquila". Así, intoxicacións etílicas e pelexas foron as intervencións máis repetidas polos servizos sanitarios e as forzas da orde a madrugada deste 25 de xullo en Santiago de Compostela.

Unha destas pelexas rexistrouse nas proximidades dun pub na Rúa de San Paio de Antealtares e saldouse con catro persoas feridas, unha delas trasladada ao hospital cun golpe na cabeza, segundo confirmaron fontes consultadas por Europa Press.

Sobre as 03,45 horas, varios particulares púñanse en contacto co 112 para alertar de que había unha pelexa neste punto con moitas persoas implicadas. Ademais, nas súas chamadas indicaban que voaban cadeiras e botellas e que había xente ferida. Ata o lugar desprazouse persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e axentes da Policía Nacional e da Policía Local.

Espectáculo pirotécnico durante as Festas do Apóstolo, patrón de Santiago, de Galicia, e de toda España,  a 24 de xullo de 2023, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia.. César Arxina - Europa Press
Espectáculo pirotécnico durante as Festas do Apóstolo, patrón de Santiago, de Galicia, e de toda España, a 24 de xullo de 2023, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia.. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta