Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/07/2023 | Actualizada ás 15:59
O maquinista Francisco Garzón e o ex director de seguridade de Adif Andrés Cortabitarte volverán coincidir e terán dereito á última palabra na sesión deste xoves, que porá fin a case 10 meses de xuízo oral.
Tras a lectura de informes por parte de Fiscalía, acusacións populares, acusacións particulares, Avogacía do Estado, Renfe e as aseguradoras, este xoves tocará a quenda de expor os seus últimos argumentos ás defensas dos dous acusados.
Por iso, tanto Garzón como Cortabitarte terán a obrigación de asistir á vista oral que se desenvolve desde outubro pasado na Cidade da Cultura de Santiago. Aínda que é habitual que o ex alto cargo da empresa pública Adif asista en xornadas relevantes, o traballador de Renfe só acudiu cando así o requiriu a xuíza.
O proceso para determinar responsabilidades penais e civís polos 80 mortos e os 145 feridos que causou o sinistro ferroviario estivo marcado nas últimas semanas polo cambio de postura do representante do Ministerio Público, quen retirou a súa acusación contra o ex responsable de seguridade e só mantena contra o maquinista.
Esta decisión foi criticada polo resto das partes, salvo Avogacía do Estado (que representa a Adif) e o seguro desta empresa pública (Allianz Global).
A recta final tamén cadrou coa celebración do décimo aniversario da traxedia, na que as vítimas volveron á capital galega para homenaxear aos falecidos, esixir xustiza e denunciar as "mentiras" e a "razón de estado" que ven presentes ao longo de todo este tempo e na vista oral.
PRIMEIRO CORTABITARTE, LOGO GARZÓN
De acordo coa orde que seguiron as intervencións ao longo destes meses, é previsible que o letrado que representa a Cortabitarte sexa o primeiro en tomar a palabra este xoves, para defender a súa absolución. O mesmo fará, a continuación, o avogado de Garzón, tras o que o xuízo quedará visto para sentenza.
Ambos están acusados de 80 homicidios e 145 delitos de lesións por imprudencia profesional grave, pola análise de riscos o primeiro e a condución o segundo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.