Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2023 | Actualizada ás 13:19
O avogado do maquinista Francisco Garzón alega que o seu defendido "non é responsable da neglixencia de Adif", a empresa pública cuxo ex director de seguridade está procesado no xuízo polo accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois en xullo de 2013. Ao contrario, o letrado considera ao condutor "unha vítima".
Así o afirmou na súa intervención durante a última sesión do xuízo, que este xoves concluíu cos informes finais das dúas defensas: a de Garzón e a do ex responsable de seguridade de Adif Andrés Cortabitarte. O letrado de Garzón, que se opón ás acusacións contra o maquinista ao entender que os feitos que propiciaron 80 mortes e 145 feridos na curva da Grandeira "non son constitutivos de delito", cargou inicialmente contra o "relato" de Adif, polos "rumbos".
Deste xeito, contrapúxoo á "liña coherente e real desde o principio" por parte do traballador de Renfe, que falou "libremente desde o mesmo instante en que se produciu o sinistro". "Outra cuestión", segundo advertiu, "é que se retorceron" as súas palabras por parte de quen este avogado entende "responsables do sinistro, para crear a aparencia de infracción".
Neste sentido, subliñou, a modo de exemplo, que "os traballadores non teñen que ir vendo a paisaxe nin tomando referencias do mesmo". Deben fixarse "unicamente" nos sinais instalados na vía "e interpretar a súa orde sen ambigüidade e sen ter que facer deducións estrañas e contra natura", resaltou. Neste sentido, criticou que a liña entre Ourense e Santiago fose posta en servizo en "condicións inseguras de explotación", cando Adif "tiña o deber de garante".
CRÍTICAS AI FISCAL
Ao fiscal dirixiulle varios reproches, como que "omite que Garzón era un traballador de Renfe" e "ten uns dereitos laborais" e que alega que a normativa era "un galimatías" pero "non o era" así para "os seus compañeiros de Valencia", polo xuízo polo accidente de metro daquela comunidade.
Así mesmo, este avogado opinou que era a operadora "a que tiña que parar os seus trens, e non os seus traballadores", ante "o perigo da curva", que "era un clamor". A "obrigación de realizar unha avaliación de risco non naceu en xullo de 2010", senón que "existe desde a directiva de seguridade" de 2004, segundo advertiu.
"TODO EN ADIF E TODO EN RENFE FÍXOSE BEN EXCEPTO A CONDUTA DO MAQUINISTA"
Pola súa banda, o avogado que exerce a defensa do ex director de seguridade, Andrés Cortabitarte, considerou que "todo en Adif (a empresa pública afectada) e todo en Renfe (a operadora ferroviaria) fíxose ben excepto a conduta do maquinista".
Así, na última sesión do xuízo, o letrado defensor de Cortabitarte pediu a súa absolución nunha intervención que comezou criticando que "se pon o foco" no seu cliente e "non se sabe de que se lle está acusando", pero pónselle como "unha especie de Cid Campeador de todo o sistema ferroviario".
"Agora parece que se aterra todo no certificado", afirmou, sobre o documento que asinou avalando a seguridade da liña entre Ourense e Santiago. Pola súa banda, entende que "non merece ningún reproche penal ningunha das outras condutas máis aló da condución do maquinista". De feito, o seu avogado asegura que Cortabitarte "mantívose sempre dentro do risco permitido" e "non infrinxiu ningún deber de coidado".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.