Santiago comezará a sancionar "de inmediato" as malas prácticas dos turistas, que se recollerán na ordenanza municipal

Nas últimas semanas houbo varias denuncias de veciños por comportamentos como "montar un picnic" na Praza do Obradoiro ou pasar a noite en sacos de durmir na Praza da Quintana.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2023 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

Ademais do incremento da vixilancia policial, os comportamentos incívicos dalgúns grupos de turistas denunciados polos veciños nas últimas semanas terán en contra dúas novas actuacións de forma "inmediata": a difusión dun código de boas prácticas neste ámbito e a mellora da sinalización de comportamentos prohibidos pola ordenanza municipal, que comezarán a sancionarse.

Así o explicaron este luns tanto a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, como a concelleira de Turismo, Miriam Louzao, que compareceu en rolda de prensa para presentar unha campaña informativa que tratará de difundir entre os turistas as recomendacións de comportamento e visita á cidade.

Nunha rolda de prensa previa, e preguntada pola cuestión, a alcaldesa explicou que este mesmo luns mantivo un encontro coa Policía Local para analizar a "intensa campaña" de vixilancia que se está desenvolvendo tanto na zona vella como na Rúa de San Pedro para evitar os "comportamentos inadecuados" dalgúns turistas.

Nas últimas semanas reproducíronse denuncias de veciños por comportamentos como "montar un picnic" na Praza do Obradoiro, pasar a noite en sacos de durmir na Praza da Quintana, ruído na Rúa de San Pedro ou circulación sobre as bicicletas vulnerando a normativa.

A rexedora apuntou que, segundo lle trasladaron esta fin de semana os seus homólogos do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, trátase de comportamentos incívicos que se repiten noutros emprazamentos e defendeu que se trata de "unha situación que non empezou hoxe".

Fronte a iso, Goretti Sanmartín apostou por pór en marcha campañas informativas, tamén en orixe, para concienciar aos turistas sobre un comportamento responsable, aínda que admitiu que isto non terá "efectos inmediatos". Ademais, reivindicou a posta en marcha da taxa turística, o que permitiría reinvestir este diñeiro en cuestións como o reforzo da seguridade e da limpeza.

Finalmente, naquelas cuestións que estean recollidas como sancionables pola ordenanza municipal (como é o caso do ruído ou da circulación de bicicletas por lugares non adecuados), a alcaldesa dixo que se "reforzará a sinalización" e pasará "de inmediato" a imporse sancións por esta cuestión.

MODIFICAR A ORDENANZA

Sobre esta mesma cuestión, a edil Miriam Louzao admitiu que aspectos como comer na rúa ou pasar a noite na zona vella non están recollidos expresamente como prohibidos pola ordenanza. "Creo que todos entendemos que unha cousa é comer un bocadillo na rúa e outra cociñar na rúa ou despregar un picnic", explicou, lembrando que si está vetado consumir alcol ou danar o patrimonio.

En todo caso, Miriam Louzao explicou que a intención do consistorio, ademais de difundir unha campaña informativa, é reformar a ordenanza municipal para incluír este tipo de comportamentos lesivos.

CÓDIGO DE BOAS PRÁCTICAS

O departamento de Turismo de Santiago presentou este luns, en compañía da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, unha campaña informativa e "de concienciación" para instar os turistas e peregrinos a seguir un "código de boas prácticas" durante a súa visita a Compostela.

A campaña está baseada no concepto da fraxilidade de Santiago de Compostela como patrimonio da humanidade e, de feito, a súa estética está relacionada co envío de paquetería fráxil. Baixo a lema 'Tes o dereito a gozalo e a obrigación de coidalo", o código establece oito puntos que inciden na necesidade dun turismo sustentable e a erradicación de comportamentos que causaron prexuízo aos veciños.

Así, anímase aos visitantes a non "deixarse levar por pseudotradicións" ou "prácticas inapropiadas", a visitar os restaurantes da cidade, a depositar o lixo nas papeleiras, empregar os "aseos públicos e gratuítos" ou celebrar a súa chegada "sen exceso de ruído", especialmente evitando usar os bastóns contra o pavimento.

"A paisaxe urbana que che rodea ten un valor excepcional: non é unha área de picnic nin unha zona de acampada", reza un dos puntos, que tamén lembra a preferencia peonil sobre as bicis e pide aos ciclistas que camiñen nos últimos metros. A maiores, o código lembra aos grupos numerosos a obrigación de respectar as normas de circulación e reclama que se respecte o dereito ao descaso dos veciños, entre outras cuestións.

A campaña estará presente en liña e en redes sociais, cartelaría pola cidade e anuncios nos autobuses. Ademais, repartiranse folletos tanto desde Turismo de Santiago como en áreas de interese (aeroporto de Santiago, intermodal, dársena de Xoán XXIII e albergues tanto de Santiago como da súa contorna). Tamén haberá manteis para hostalaría e bolsas de papel baixo petición. O Concello de Santiago está aberto a todas aquelas entidades que desexen colaborar na difusión desta mensaxe.

Un mozo apoiado nun valo durante a inauguración e acto de acollida da peregrinación europea de mozas 2022, no Obradoiro
Un mozo apoiado nun valo durante a inauguración e acto de acollida da peregrinación europea de mozas 2022, no Obradoiro | Fonte: César Arxina

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta