Menores ucraínos tentan esquecer o horror de Bucha nun campamento de verán en Galicia

Pasarán este mes de agos nun campamento en Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 01/08/2023 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, visitou este martes a un grupo de dez menores ucraínos que pasarán o mes de agosto nun campamento nas instalacións da Cidade Infantil Príncipe Felipe.

Estes mozos proceden de Bucha, un pequeno suburbio de Kiev, que foi unha das zonas de Ucraína máis masacradas polas tropas rusas. Alí rexistrouse o asasinato masivo de centos de civís por parte das Forzas Armadas Rusas, que participaron na invasión de Ucraína de 2022 e mantiveron control da cidade entre o 27 de febreiro e o 31 de marzo dese ano.

Estes menores forman parte de familias de combatentes, de militares e de falecidos en combate. A Deputación de Pontevedra adheriuse a unha iniciativa do Comité Europeo das Rexións e a Asociación de Cidades de Ucraína de apoio aos nenos de Ucraína coa posta en marcha de campamentos recreativos de verán.

Este programa, encabezado polo alcalde de Kiev, Vitali Klichkó, está liderado en España pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). A institución provincial pontevedresa puxo a disposición do Comité Europeo as instalacións do Centro Príncipe Felipe para garantir que estes nenos poidan estar durante un mes nunha contorna segura no que descansar, compartir momentos de lecer e adquirir novos coñecementos.

Este martes, o presidente provincial, acompañado da deputada provincial Sandra Basto, fíxolles entrega de agasallos e deulles a benvida desexándolles unha proveitosa estancia e mostrando o seu desexo de que poidan coñecer os atractivos turísticos da provincia de Pontevedra.

O grupo de menores ucraínos, de entre 9 e 14 anos, que vén acompañado dun adulto experto en traballo social, permanecerá en Príncipe Felipe ata o 28 de agosto residindo nun espazo preparado para que teñan todas as comodidades dun fogar convencional.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este martes a un grupo de dez menores ucraínos que pasarán o mes de agosto nun campamento nas instalacións da Cidade Infantil Príncipe Felipe
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este martes a un grupo de dez menores ucraínos que pasarán o mes de agosto nun campamento nas instalacións da Cidade Infantil Príncipe Felipe | Fonte: DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta