Galicia minimiza o primeiro gran foro de países celtas e envía un cargo secundario ao cumio de Rennes

A Xunta estará representada por un director xeral, mentres que Escocia ou Gales envían a ministros pincipais. No encontro falarase dun "Erasmus celta", de transporte, pesca, lingua e cultura.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/08/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia estará presente no primeiro gran encontro dos gobernos dos países celtas pero o seu perfil político será baixo, tirando a nulo. E é que, a pesar de que nun primeiro momento se anunciara a presenza do vicepresidente, Diego Calvo, finalmente, e segundo confirmaron fontes coñecedoras deste encontro a Galicia Confidencial, a esta primeira cita dos gobernos autónomos do mundo celta asistirá un director xeral, concretamente, o de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo.

Bandeira dos países celtas
Bandeira dos países celtas

 

Ao ser preguntado por GC o pasado marzo, Rueda salientara a importancia do encontro e suliñara que gravara un "saúdo" para destacar a importancia deste cumio para "facer sinerxias" e "facer visibles" as raíces celtas que os unen. "Presentaremos plantexamentos culturais pero tamén accións gubernamentais", indicou ao tempo que lembrou todo o camiño andando nas relacións culturais entre o mundo celta.

 

Este foro de nacións celtas terá lugar en Rennes, capital de Bretaña, a partir deste xoves 3 de agosto, impulsado por Loïg Chesnais-Girard, presidente deste país celta. A el acudirán destacados dirixentes doutras nacións celtas como Mark Drakeford, primeiro ministro de Gales; Shona Robinson, Viceprimeira Ministra de Escocia ou Linda Taylor, presidenta do Consello de Cornualles. Tamén acudirá Niall Burgess, embaixador da República de Irlanda en Francia. Como no caso galego, Asturies tamén decidiu enviar a un cargo de segundo grao, 

a directora xeral de Transicións do Principado, María Belarmina Díaz Aguado.

 

Este encontro, previsto inicialmente os días 9 e 10 de marzo foi atrasado pola folga que ese mes afectou a todo o estado francés. A decisión de celebralo a comezos deste mes é, segundo o presidente bretón, pola súa coincidencia co festival Intercéltico de Lorient, que comeza este venres, 4 de agosto.

 

REFORZAR OS LAZOS CELTAS

 

O I Foro Celta comezará cun encontro co presidente bretón e será a "primeira pedra" para reforzar os lazos das nacións celtas, unidas desde séculos por unha herdanza cultural común. A xuntanza, a petición do goberno da Bretaña, ten coma obxectivo reforzar os vínculos existentes, promover a presenza das nacións celtas na comunidade internacional e facilitar os desprazamentos dos estudantes nos diferentes territorios celtas.

 

Despois dunha viaxe a Gales e Irlanda en marzo de 2020, e a Escocia en novembro de 2021, o presidente bretón quixo dar un paso máis en materia de cooperación, e propúxose desenvolver unha especie de arco político celta: “O Brexit non debe impedirnos traballar xuntos, non máis que as fronteiras nos impiden compartir unha identidade”, dixo.

 

ERASMUS CELTA

 

Na Bretaña cren que esta nova forma de diplomacia pode ter o efecto de diminuír as consecuencias do Brexit en varias áreas ben identificadas como a mobilidade estudantil, cun “Erasmus celta” que se construirá cos escoceses e os galeses; transporte marítimo e a creación de novas rutas, en particular con Irlanda, cuxa entrada máis próxima ao continente europeo pasa agora por Brest ou Roscoff. Tamén se falará de pesca, enerxía eólica mariña,

cultura e linguas minoritarias.

 

É unha das primeiras ocasións que terán os países celtas para reclamar a importancia das nacións celtas dentro do espazo europeo, especialmente, da fachada atlántica pola súa histórica relación e contacto a través do mar. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Que farían cataláns, corsos ou vascos cunha oportunidade de acción internacional como esta? Mais squí, como en Asturies, os que gobernan son os do autoodio...