Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/08/2023 | Actualizada ás 15:54
A Cidade da Cultura acollerá este mes de agosto 10 concertos dentro do ciclo musical 'Atardecer no Gaiás', no que participarán artistas como Bejo, Natalia Lacunza ou Ben L'oncle Soul.
Así, o Gaiás recibe este xoves a Catuxa Salom, galega de raíces arxentinas que abandonou Madrid por unha aldea de Lugo, onde nace a súa música, que fusiona o folclore galego con ritmos latinoamericanos baixo unha envoltura electrónica.
O venres será a quenda da coruñesa Elia Galdo, coñecida como KYR4, unha das grandes promesas do rap español. Xunto a elas, pasarán polo escenario grupos galegos como Lontreira ou Moura, así como as formacións gañadoras do Xuventude Crea: Faíscas e Xa'lum. A edición complétase co rock dos madrileños Parquesvr e coa mallorquina Júlia Colom.
Xa o 10 de agosto, chegará a este ciclo o canario Bejo e a súa música urbana. As dúas actuacións que pecharán o festival na última semana de agosto serán as do francés Ben L'oncle Soul (o día 30) e Natalia Lacunza, o día 31.
'Atardecer non Gaiás' continúa presentándose como unha cita coa vista posta en bandas galegas que están a despuntar, pero con vocación de achegar a Galicia propostas atractivas do resto de España e da escena internacional.
Todos os concertos teñen lugar os xoves e venres ás 21.00 horas na Praza Central da Cidade da Cultura, cun espazo alternativo a cuberto no caso de que a choiva non permita que se celebre no exterior. As actuacións, que contan con Cervexas Alhambra como patrocinador principal, son sempre gratuítas e con acceso libre.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.