A Xunta convoca axudas para que as entidades de economía social da Rede Eusumo promovan esta fórmula de negocio

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores unha nova edición da convocatoria de axudas dirixidas ás 97 entidades de economía social que forman parte da Rede Eusumo, co obxectivo de que desenvolvan, no período 2023-2024, accións de divulgación, formación e asesoramento.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/08/2023 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores unha nova edición da convocatoria de axudas dirixidas ás 97 entidades de economía social que forman parte da Rede Eusumo, co obxectivo de que desenvolvan, no período 2023-2024, accións de divulgación, formación e asesoramento a persoas que estean a promover a súa actividade a través desta fórmula. A previsión é que se poidan beneficiar das achegas unhas 40 entidades que poderán realizar accións para unhas 4.000 persoas.

Esta liña, que terá o prazo de solicitude aberto ata o próximo 4 de setembro, eleva o seu orzamento ata os 690.000 euros para apoiar aos colectivos que colaboran coa Rede Eusumo e contribuír ao impulso do cooperativismo e as fórmulas da economía social na comunidade galega.

As achegas, dun máximo de 190.000 euros, beneficiarán a asociacións, concellos ou agrupacións deles, cámaras de comercio, universidades e/ou fundacións e asociacións profesionais, empresariais ou sindicais incluídas na Rede. Neste marco, financiaranse accións de divulgación da economía social, a elaboración de estudos ou guías con contido inédito, iniciativas de asesoramento e acompañamento a promotores e de formación.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade reservará 390.000 euros do orzamento global para apoiar actividades de sectores específicos como o dos coidados, o agroalimentario, a economía circular, as enerxías renovables, as novas tecnoloxías, ou do sector industrial e das industrias culturais.

A Rede Eusumo conta con 97 entidades adheridas. A través do asesoramento prestado por esta rede, posta en marcha en 2012, creáronse xa en Galicia 190 entidades de economía social, que xeraron máis de 540 empregos directos.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, no acto conmemorativo do 10º aniversario da Rede Eusumo de impulso á Economía Social
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, no acto conmemorativo do 10º aniversario da Rede Eusumo de impulso á Economía Social | Fonte: Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta